Opinión

Pilar Pereira, actriz e titiriteira

Coñecina  no 2000, na gravación dunha serie ambientada nas Rías Baixas. Daquela eu era unha actriz inexperta e ela unha muller consagrada das táboas. Ben se lle vía, na súa seguridade actuando e na  firmeza detrás das cámaras, esixindo o que era xusto no plano laboral. Xustamente ese debeu ser o motivo de que o personaxe que interpretaba desaparecese nas sucesivas tempadas daquela serie que se acabou estirando como unha xiboia.

 Algúns anos despois fun visitar Pilar ao seu pisiño da Troia, cheo de luz e de flores, de obxectos que rememoraban unha vida inzada de experiencias. Quería que me contase da súa nenez, das súas lembranzas dos títeres populares. Aquela conversa permitiume descubrir unha muller que foi quen de rachar con moitas das ataduras sociais do seu tempo. Unha moza valente que soubo arreporse ás críticas da Compostela machista e opresiva da década de 1950 e dedicarse a aquilo que a apaixonaba. Que cando sentiu a necesidade de ir alén dos ríxidos límites das agrupacións teatrais da cidade, non dubidou en deixar todo e marchar cos Goliardos, unha compañía que se posicionaba na crítica ao franquismo e que revolvía as  formas teatrais tradicionais. Aquilo valeulle unha denuncia por “abandono del hogar”, que era ao que se expuñan as mulleres que se separarban nos tempos do divorcio ilegal.  Tanto lle deu. Pilar seguiu abrindo mundos, traballando nas vangardas da escena, explorando linguaxes. Contoume dun verán que botou percorrendo as vilas da costa mediterránea cun teatriño de fantoches xunto ao madrileño Gonzalo Cañas. Despois virían os tempos de París, co grupo La Carraca, o salto ás Américas. E o regreso á Galiza, onde as cousas non mudaran tanto como ela querería, aínda que xa se podía falar dun teatro profesional, dentro da precariedade. Agora Pilar emprende a súa derradeira viaxe, co seu fardel de eterna titiriteira.  

Comentarios