Opinión

Os coidados na axenda

Por primeira vez os coidados son noticia. Os titulares dos grandes medios lémbranse das traballadoras domésticas porque -que contrariedade- non poden limpar as casas de quen non gosta de perder o tempo neses quefaceres improdutivos. Lembrámonos das caixeiras do súper, porque non poden ficar na casa e non lles queda outra que exporse ao contaxio. E, un mes despois de telas confinadas sen excepción, alguén caeu na conta de que as crianzas tamén son suxeitos de dereitos.

Ten graza, tamén somos noticia as nais puérperas. Nunha semana falei con dúas xornalistas que preparaban as súas pezas sobre a matern idade en tempo de cuarentena. Eu contestei que para unha nai recén parida esta situación é do máis normal. Ficar na casa, sen máis horarios que os que che impón unha criatura completamente dependente. O illamento social que isto comporta é coñecido por todas as nais. Por iso, esta cuarentena prolongada non supón para nós ningunha novidade. Para moitas nais esta situación significou ter que compaxinar teletraballo con apoio educativo e emocional ás crianzas, que agora xa non teñen con quen quedar e que, ao non poderen saír a espazos abertos, están irascíbeis e toleran mal a frustración. Cando se decretou o feche dos centros educativos, ninguén parecía contemplar as complicacións que todo isto podía supor. Dábase por feito que sempre habería unha nai todo terreo quen de asumir un choio máis. Un mes despois, o tema está na axenda mediática e política. Como froito das presións sociais, as crianzas poderán saír á rúa, de xeito controlado, como xa o estaban facendo noutros países europeos. As escolas, porén, seguirán fechadas por tempo indefinido. Mais, se a actividade económica se vai recuperando paulatinamente, quen vai coidar das crianzas das nais e pais traballadoras? Durante demasiado tempo demos por feito que as nais podemos con todo. Ogallá algo mude, agora que estamos na axenda.

Comentarios