Opinión

Nomeármonos

Para existirmos. É unha premisa básica do feminismo: se non se nos nomea, non existimos. Existir é aquí actuar, é a capacidade de mudarmos a nosa realidade, de mudármonos nós mesmas. O mesmo pasa cos pobos. Precisamos de erguer as nosas voces, de ter plataformas onde deitar as nosas mensaxes e recoller as que veñen de volta. Ás veces para erguer as voces cumpren esforzos colectivos, xuntar forzas pequenas que por xunto son titánicas e, sen o apoio de gobernos nin de grandes capitais, moven montañas. Devolvernos a palabra. Deixar de sentir como nos nomean en terceira persoa para nomeármonos desde o Nós.

Son tempos duros para o xornalismo, cando a precarización leva ás profesionais á autoexplotación disfrazada de “traballo colaborativo”. Baixo a armadilla do lema “todo o mundo pode ser xornalista” agóchanse as xornadas de 24 horas e a acumulación de minijobs para sobrevivir.  Para que pagar unha xornalista, tendo un video dalguén que pasaba polo lugar dos feitos, que o vai ceder só pola honra de ter sido viral por unhas horas? Rachar con esa tendencia pasa necesariamente polo divorcio entre as profesionais e o capital que as conduce cara á desaparición inexorábel. Por iso, proxectos construídos desde a base, contando con profesionais en condicións dignas, son hoxe imprescindibeis.

Son tempos para ser contados desde o Nós.

Comentarios