Opinión

Mercados

Desde hai dez anos, todas as terzas feiras á tardiña vou até o parque de Belvís. Alí celébrase cada semana un encontro de consumo responsábel, entre labregas, produtoras da área de Compostela e veciñas. Non se trata só de mercar verdura de tempada e outros produtos de elaboración caseira e agroecolóxica. Tamén é un momento de convivio, de intercambio de saberes, onde aprendemos os produtos que están no tempo de seitura e cales non, como poñer tomates en conserva ou a mellor maneira de preparar unhas couves. Detrás de cada posto dese mercado hai unha historia, un proxecto de vida sustentábel no campo. Algunhas das súas protagonistas decidiron volver ao rural, outras decidiron non marchar nunca. Todas se formaron en técnicas agroecolóxicas e de saúde alimentar. Son unhas expertas en manipulación de alimentos.

Hoxe será a terceira semana na que o mercado non se pode celebrar. Malia ser un espazo para a venda de produtos de primeira necesidade, o goberno da Xunta decretou que nin ese, nin ningún outro mercado de venda directa de produto labrego podía celebrarse, cando menos até o 31 de marzo. A medida choca coa adoptada noutras comunidades, como Euskadi, onde este tipo de mercados non só están autorizados, senón que se recomenda que se merque neles. O feito de celebrarse en espazos abertos e de que os produtos non pasen por tantas mans intermediarias debera ser un garante de maior protección contra o contaxio. Mentres as cidades están a amosar a súa vulnerabilidade en casos de pandemia, o rural lémbranos a necesidade de repensarnos e de recuperar formas de vida e de consumo máis respectuosas e menos dependentes do exterior. Estes son os mercados que hai que protexer, e non ese Mercado impersoal que, desde iso que chaman bolsas, semella xogar aos dados coas vidas.

Comentarios