Opinión

Maternidades en campaña

Vanme ter que desculpar; de aquí nunhas semanas voume poñer monotemática. Esixencias do ciclo vital que me toca vivir; mais tamén do ciclo electoral que vén de precipitarse. Semella que o señor Feixóo gosta de meter a maternidade en campaña. Ou máis ben, certo tipo de maternidade . Lembrarán que nas anteriores eleccións anunciou, unha semana antes dos comicios, que ía ser pai. Unha circunstancia que lle permitiu humanizar a súa imaxe, até daquela pouco familiar e máis propia dun tecnócrata. Tamén lle serviu para erixirse en sumo promotor da natalidade (ese concepto  que reduce a maternidade a cifras de nacementos). Desta volta, a maternidade entra en campaña por varios motivos. Primeiro, a reapertura do paritorio de Verín venderase como unha mostra máis do compromiso da Xunta coa maternidade, cando a realidade é que foi unha bochornosa recuada perante a mobilización social. Pola outra, o feito de que, por obra e graza do adianto electoral,  a candidata Ana Pontón se verá obrigada a interromper o seu permiso de maternidade (que non a deixar de desfrutalo, como si fixo Feixóo no 2017) vai ser aproveitado polo candidato á reelección como arma electoral. Porque a vivencia da maternidade, neste país, comporta sempre que as mulleres sexamos criticadas polas nosas decisións, sexan cales sexan. Tanto se decidimos maternar a tempo completo, interrompendo as nosas carreiras, como se optamos por compaxinar a crianza co traballo, ás mulleres, segundo o modelo de crianza vixente orientado ao mercado, obrígasenos a renunciar. Así pois, haberá que aproveitar que a maternidade entra en campaña, para darlle a volta a este modelo e defender outro que poña  os coidados no centro. Sen renuncias nin fachadas electorais.   

Comentarios