Opinión

Isaac e o noso fracaso

Lembro a súa figura pausada, lene, camiñando pola pasarela que atravesaba o auditorio do Instituto Galego da Información. Viña saudarnos durante os ensaios dun espectáculo teatral. A nosa compañía foi unha das moitas que puido gozar dunha residencia neste espazo sen ningún custe, poñendo ao servizo da cultura galega unha das moitas construcións realizadas ao abeiro do proxecto do Laboratorio de Formas. O auditorio de orixinais formas circulares fica, ao igual que o edificio recuberto de vidro do que quixo ser un medio de comunicación galego independente, clausurado desde 2008. Ese mesmo ano Isaac, que este sábado cumpriría cen anos, empezou a deixarse morrer. Hai pouco regresei ao complexo de Sargadelos, unha visita típica nos días cincentos dos veráns mariñáns. Volvín deixarme marabillar pola intelixencia coa que se artellou un espazo no que se soubo combinar modernidade e tradición, risco e funcionalidade a partes iguais. Un complexo industrial con estrutura de rueiro, unha praza circular que facilita a comunicación, uns espazos de traballo pensados para garantir a comodidade das operarias. Biblioteca, auditorio e mesmo unha pía para uso e desfrute de traballadoras e artistas formaban parte dun proxecto integral de renovación artística e social asentado na identidade e na memoria histórica galegas. Agora, sen Isaac, as pegadas daquel proxecto ambicioso ameazan con esluírse, convertidas en meras marcas dun estilo único e ben valorado nos circuítos de deseño internacionais. Non hai dúbida de que Díaz Pardo, xunta Seoane, conseguiron converter os seus deseños para cerámica nunha marca de identidade, obxecto devecido en toda casa galega que se prece. Mas do proxecto sociocultural e político que debía acompañar o proxecto empresarial, tristemente, só nos fican as crónicas. Sargadelos, como marca, continúa. O Laboratorio de Formas, que incluía un museo da arte contemporánea galega (o museo Maside, hoxe pechado), a integración das artes e a industria, a recuperación da memoria histórica e a reivindicación da identidade nacional galegas, seguen a agardar por outro Isaac.

Comentarios