Opinión

Incertezas

Acabouse o tempo das verdades absolutas, da posibilidade de construírmos as nosas vidas nun horizonte de certezas. En realidade, isto non era máis ca un espellismo na maioría dos casos. Para as máis, a inestabilidade e a precariedade eran a tónica. Aínda así, contábamos con algúns parámetros que nos permitían obter algunhas pistas sobre o porvir. A ciencia e as previsións macroeconómicas proporcionábannos unha pequena dose de seguranza nesta parte privilexiada do mundo.

Desde o estourido da pandemia tivemos que afacernos a vivir na axitación constante, como quen habita sobre unha falla activa. Nada está demostrado, todo está por confirmar, por moito que os esforzos en investigar o comportamento do virus se teñan multiplicado, en detrimento das pesquisas noutras doenzas que terán que agardar. A ciencia require dos seus tempos para confirmar ou refutar as súas hipóteses, e no entanto, seguimos sen respostas certas. De aí a proliferación de transtornos psicolóxicos, de síndromes de novo cuño e de teorías da conspiración, todo por xunto.

Perante unha ciencia asentada na dúbida, hai quen busca acubillo na fe, que non só adopta a forma de relixión. É o tempo dos complots internacionais, aqueles que algunha man negra urde de xeito planificado e ben coordinado, de xeito que cada peza do quebracabezas encaixa. Xa quixera eu ter fe e estar convencida de que o coronavirus foi creado nun laboratorio en coordinación coas redes de 5G, con algún escuro fin que se me escapa. Mas son atea e penso que ninguén ten resposta a moitas das cuestións que nos desalentan.

O que si poden facer as administracións é prever solucións a moitas das situacións que se poden producir nos vindeiros meses, como por exemplo, o feche dunha escola onde se detecte un positivo por coronavirus. Planificar medidas para que as familias poidan conciliar, implementar unha renda básica universal que outorgue unha mínima seguranza a todas aquelas persoas que viron desaparecer o seu posto de traballo nos últimos meses, velaí posíbeis antídotos contra a incerteza.

Comentarios