xoves 16.07.2020

Galiza como fetiche

"Galicia é moito", leo nun paso elevado nunha estrada. É o lema dun candidato que semella renegar do seu partido, desaparecidas as súas siglas dos carteis electorais. "Galicia es verde", din outros, que máis que falar vociferan. Nesta campaña as estratexias discursivas botan man do recurso ao fetiche, a un sentimento vago de pertenza que santifica o estado de cousas. Son lemas que remiten a unha Galiza estática, inofensiva, que non chía ante os abusos. Lemas que se adaptan ao gosto da clientela, que os pode interpretar á súa conveniencia. Galicia é moito churrasco, moito viño, moito eucalipto, moita verbena, moito turismo, moito por espoliar. Ese 

"Galicia é moito" emprega o mesmo recurso que aqueles publicistas desenvolveran con éxito nunha campaña na que apelaban ao sentimento patrio naquel "vivamos como galegos", paradigma da vacuidade desmobilizadora, o mesmo que cando se entoa ao unísono o Cantar miudiño: consenso asegurado, sentimento de comuñón exacerbado que desaparece canda os efectos do viño.  O antropólogo Pablo Alonso definiu a fetichización do patrimonio como un proceso activado polo capitalismo para baleirar o pasado e desposuílo de todos os seus trazos subversivos. A súa colega Paula Godinho analizou como isto operaba nas festas de inverno, nos Entroidos galegos, que precisaban ser convertidos en emblema, en factor de atracción turística, en símbolo do auténtico, dun pasado que se converte na arcadia feliz desproblematizada. E así, Galiza foi sistematicamente definida como "pobo sentimental", segundo a analizou Helena Miguélez desde unha óptica poscolonial. Un discurso construído polo galeguismo histórico coas mellores intencións pero con fatais e desmobilizadoras consecuencias, que equiparou o país cunha visión estereotípica do xénero feminino, reducido á sensibilidade e pasividade da terra nai. Leamos con tino os lemas electorais. Mellor escoller mensaxes que apelen á transformación, a unha Galiza distinta que teremos que construír colectivamente.

comentarios