Opinión

Feminino universal

“Mozas que marchan e maiores que viven soas”; “As galegas pagarán máis na AP-9 mentres o Estado elimina outras peaxes” ou “As transportistas critican a falta de alternativas ao petróleo” son algúns dos textos destacados aparecidos no diario Nós. A nosa primeira reacción é o estrañamento.  Nada máis as mozas marchan? Só as mulleres pagaremos máis? É que a crítica polo prezo dos combustíbeis é exclusiva das mulleres transportistas?

Tan afeitas estamos a vernos excluídas nos titulares, que non concibimos que se estea a operar no sentido contrario. Após a inicial sorpresa, a reflexión. Se se nos nomea, existimos. Podemos imaxinarnos á fronte dunha manifestación, encabezando unha reivindicación perante representantes gobernamentais, abrindo unha rolda de imprensa, inaugurando unhas xornadas, dirixindo unha investigación. Non é que antes non puideramos facelo. De feito, levamos tempo facéndoo. Só que ninguén o contaba. A linguaxe ten ese poder. Tan pronto nos invisibiliza como pon o foco sobre nós. 

O masculino xenérico, esa operación perversa pola cal tiñamos que sentirnos incluídas nalgúns casos nun substantivo universal, pero saber diferenciar cando non tiñamos que sentirnos parte desa apelación, atopa nesta acción positiva un reverso de consecuencias aínda non calculadas. Ao atribuír ao feminino o carácter universal nos titulares, vésenos mesmo cando non estamos na primeira liña de fogo. Estou convencida de que ese primeiro termo nos textos facilítanos o acceso a ese mesmo plano no espazo público, do que seguimos ficando lonxe a causa de teitos de cristal e chans pegañentos varios. 

Alguén dirá: e os homes? Non están sendo excluídos nese xenérico que non os nomea? Pode ser. A linguaxe está aquí exercendo un contrapeso a un desequilibrio histórico. Cando a balanza marque un novo reparto de forzas, seguro que xa teremos atopado unha maneira de nomearnos verdadeiramente universal. Lingua e sociedade irán da man, axudándose mutuamente neste camiño sementado de resistencias.

Comentarios