Opinión

Espigadeiras

Isaac Alonso Estraviz recolle o termo só en feminino, algo habitual en oficios marxinais. “Espigadeira: mulher que se dedica ao rebusco recolhendo as espigas que ficam tiradas depois da seitura”.   Agnès Varda, a directora francesa que nos deixou hai case un ano, adicoulles un fermoso filme as persoas que fan do rebusco un xeito de vida. En Les glaneurs et la glaneuse (2000), reivindicábase ela propia como espigadeira das imaxes, creadora de historias a partir de retallos.

As miñas veciñas de San Miguel de Reinante andan tamén á rebusca. A reconstruír a historia común para reescribir o seu presente.  A través do seu Seminario de Estudos Os Espigueiros traballan na recuperación da memoria desta parroquia mariñá, que se sabe debedora dun pasado inzado de xestas colectivas, de traballos en comunidade e de solidariedade veciñal. Como parte dese espírito que tratan de recuperar decidiron hai dous anos rescatar o río da maleza. Aquel ben que, cando formaba parte do común era mantido entre todas, ficara no abandono ao derivarse nunha entidade allea a responsabilidade e coidado dos ríos e das súas marxes.

Custou non poucas pelexas con Augas de Galicia conseguir o permiso para limpar o río Forcón. Mais finalmente, durante moitas mañás de sábado, veciños e veciñas xuntaron forzas, fouces e desbrozadoras para ir despexando aquel camiño xunto ao río e volver facelo transitable tantos anos despois. E con aquel traballo duro que vén de concluír, foron saíndo á luz muíños, lavadoiros, pasos e fontes que ficaran silenciadas e que agora reaparecen cargadas de historias que recuperar. Máis material para o rebusco, para encher os espigueiros da memoria.

Comentarios