Opinión

Equilibristas

“Non haberá volta á normalidade. A normalidade era o problema”. A pandemia revelou a inestabilidade dun sistema que se baseaba no risco de moitas e o beneficio duns poucos. Vese moi claro no caso das traballadoras culturais, clarísimo no das galegas. Elas foron as primeiras en parar e serán as últimas en poder retomar a súa actividade, se é que chegan a facelo. E as medidas de apoio seguen sen definirse. Hai quen di que non é oportuna a súa protesta neste momento, cando a emerxencia obriga a pór o foco noutros sectores precarizados, como o da saúde e os coidados. Como se non se puidesen compaxinar as loitas, como se non se tratase de construír algo novo, unha normalidade distinta a todos os niveis. Vivir na corda frouxa, esa era a normalidade do sector cultural galego antes da cuarentena. Vivir pendente dunha subvención, da contratación por parte dun concello ou da AGADIC, de conseguir un número mínimo de bolos para chegar a fin de mes. Isto acontecía no sector das artes escénicas, non quero nin pensar noutros como o das letras ou das artes plásticas, onde vivir do propio traballo é case utópico. E non esquezo as traballadoras que se ocupan das tarefas menos visíbeis, mais imprescindíbeis, como as editoras, produtoras, as técnicas ou as distribuídoras. Falo de persoas, non de empresas nin de industrias culturais, un termo que sempre me incomoda. De persoas que, durante o estado de alarma, non dubidaron en pór ao noso dispor o seu traballo, de xeito gratuíto, para asegurar o noso goce durante o confinamento. A cultura construímola entre todas mais só unhas poucas valentes fan diso o seu traballo, a pesar da corda frouxa. Por iso debe ser considerada esencial, como o alimento dos nosos espíritos confinados. Cumpre construír a rede que protexa as traballadoras culturais, nunha normalidade nova e máis xusta.

Comentarios