Opinión

Desconfinar os coidados

Comentaba Vincenç Navarro nun recente artigo que a actual crise devolveulles visibilidade ás clases traballadoras. Sempre estiveron aí, facendo posíbel que o vello sistema funcionase, as limpadoras, as caixeiras, as labregas, as enfermeiras. A vella normalidade asentábase na fantasía de que todas eramos clase media e os coidados se facían sos. O coronavirus chegou para desmontar esa mentira. Agora as clases traballadoras son, alén das máis precarias, as que máis se expoñen aos riscos do contaxio.

Xusto antes de que todo estoupase, no último 8 de marzo reivindicábamos os coidados como o motor da vida de todas e que todas debemos asumir. Co estado de alarma este berro ficou confinado, e os coidados retornaron ao ámbito do privado, alí onde o patriarcado máis gosta deles. As mulleres tivemos que asumir maioritariamente o coidado das crianzas que ficaron nas casas, lidando co teletraballo cando esta opción era posíbel. Cando non o era, a falta de alternativas obrigou moitas familias a adoptar solucións dramáticas, como deixar as crianzas soas ou mandalas vivir coas avoas durante todos estes meses. Isto non é novo, moitas xeracións de galegas xa foron criadas polas avoas mentres as nais tentaban gañar a vida na emigración. Nestes días nos que a economía quere recuperar o seu terreo fronte á saúde, semella que retrocedemos a aqueles tempos nos que o verbo coidar non se conxugaba nas gramáticas. Falarmos de clase traballadora axuda, recupera un suxeito político e permite tomar conciencia da inxustiza. Vaiamos alén e falemos de mulleres traballadoras, das duplas xornadas que agora deveñen triplas, das traxedias cotiás, da desesperación de moitas nais que vén achegarse o día no que teñen que retornar ao seu posto de traballo sen ter onde deixar as súas fillas. Desconfinemos os coidados.

Comentarios