Opinión

Como un rei nun cesto

Na miña casa adoita dicírselle que vai así ao bebé ben colocadiño na súa cadeira ou no colo da mai. A expresión podería aludir as crianzas que, herdeiras do profeta Moisés, eran abandonadas nas portas das inclusas, ben arroupadas nun cesto coa esperanza de darlles unha vida mellor ao cargo dunha orde relixiosa, cousa ben pouco probábel. Aliás, non hai dúbida de que o feito de conceder o rango real ao bebé é indicativo da consideración popular que os monarcas tiveron e aínda teñen. Un rei nun cesto é alguén que é atendido en todas as súas necesidades e apetencias, alguén que non ten que esforzarse para conseguir nada, é só pedir para se lle conceder. O rei é, neste caso, un ser venerado e querido, unha pequena alfaia que cómpre protexer e aloumiñar. A súa posición é incuestionábel, embora, no caso do bebé, transitoria. Nuns meses as lisonxas darán paso a pequenos retos que deberá ir superando para conseguir ser un ser autónomo. Do contrario, o rei que fica estomballado virará un ser parasitario, incapaz de facer nada de seu, dependente de outras que o manteñan co seu esforzo.

Hai tempo que o rei abandonou a posición de privilexio que mantiña no plano simbólico. Os medios de comunicación oficiais atrevéronse, timidamente, a informar sobre as súas actividades ilícitas e mesmo deixaron entrever algunhas actitudes persoais que racharían co relato idílico do rei de conto de fadas. Seguir sostendo un enguedello de mentiras insostíbeis suporía unha crise de credibilidade para os altofalantes do estado de cousas, os que, así e todo, seguen tratando cun celo puntilloso todo o relativo á persoa do ex monarca, un mimo que xa quixeran para si as mulleres en situación de violencia de xénero cando son obxecto -que non suxeito- de información noticiosa.

O conto de fadas que nos quixeron facer engulir, ese que a pouco máis lle atribúe a instauración da democracia no Estado, xa non hai quen o trague. Xa ninguén ve o traxe do rei modélico, mas o seu corpo espido, ben alimentado durante décadas de desfalco. O rei que viaxa nun cesto, lonxe das fronteiras do reino que tanto di amar, non merece máis o respecto de ningún súbdito. Déannos a oportunidade de expresalo en forma de referendo, e morra o conto.

Comentarios