Opinión

Cinco días

Non sexamos impacientes. Só restan cinco días para que todos os misterios sexan desvendados. O 13 de xuño descubriremos, por fin, se o surto da Mariña vai merecer un confinamento máis prolongado ou se a ABAU realizada en Viveiro foi ou non imprudente. As profesionais do ensino saberemos en que condicións vai iniciarse o novo curso. Se as medidas de seguridade recomendadas van supor a contratación de máis profesorado e a habilitación de novos espazos para impartir aulas cumprindo coas distancias, como xa anunciaron que farán as Administracións educativas catalás ou andaluzas, por poñer dous casos de cores opostas. Mais a conselleira galega rexeita a redución de ratios polo ben da saúde emocional do alumnado, a mesma que foi ignorada durante o confinamento, cando o alumnado máis vulnerábel ficaba literalmente desconectado.

Este Goberno autonómico, o que confía fachendoso en que seguirá dentro de cinco días, caracterízase por dar largas como estratexia de confusión propagandística. Se nos centramos na Consellaría de educación, así actuou coa convocatoria de oposicións: durante o estado de alarma mantivo en vilo centos de persoas que non sabían se o concurso se realizaría este ano nin en que condicións. Finalmente, perante as protestas unánimes dos sindicatos, non lle quedou outra que revelar os seus planos: pospoñer a realización das probas ao verán do 2021, fusionando dunha tacada as dúas convocatorias sen duplicar o número de prazas. Coas medidas de seguridade do curso que vén, sospeitamos, vai ocorrer o mesmo. Se todo sae como o previsto en San Caetano, a segunda que vén anunciarannos que as ratios non se reducen, que as medidas de seguridade as temos que traer da casa, e que cada centro invente o sistema que máis lle acaia para manter as distancias intergrupos sen aumentar os gastos. Que os fondos que o Estado cedía para contratar máis profesorado xa sabe Feixóo en que os vai gastar, e xa nolo vai contar o luns que vén. Se lle deixamos. 

Comentarios