Opinión

Buscar explicacións

Cando espertou, o dinosauro aínda estaba alí. Chámese Fraga ou Feixoo, máis mediocre ou máis cínico; é o mesmo. O temón do país continúa en mans daqueles que semellan querer afundilo, e isto co referendo da maioría de quen acude á chamada das urnas. Unha de catro galegas, seica. Un 18 de xullo máis custa resistirse á tentación de facer historia ficción. Xogamos a imaxinar o que podería ter sido se nesa altura de 1936 ningún mando militar tivese secundado o alzamento. Se aquel Goberno de fronte popular tivese podido aplicar algunha das súas propostas. Como sería hoxe este país se non nos tivesen privado pola forza de tanto, se tantas mentes preclaras non se tivesen visto forzadas ao exilio, se tantas rebeldes non tivesen sementado as cunetas, se tantas mulleres libres non tivesen sido peladas. Se non se tivese desartellado todo un enramado de activismo sindical e político, reprimidas as súas bases, eliminadas as súas cabezas, substituídos por unha estrutura vertical que promovía o control e a delación entre veciñas. Se tantas mestras non tivesen sido desposuídas das súas cátedras e o seu lugar ocupado por persoas máis amigas do látego que da educación. Que tería sido se as mulleres que reivindicaban os seus dereitos erguendo as súas voces no espazo público e rompendo moldes no persoal, non se tivesen visto relegadas ao privado, á obediencia ao marido e o pai.

Nunca o saberemos. O que sabemos é o que realmente pasou nos corenta anos que viñeron despois. Se callar desaprendemos como pobo a nadar en liberdade, a procurar para alén dos límites impostos pola orde e o sentidiño. E tivemos que aprender outras cousas, outras formas de rebelarnos máis discretas e subterráneas. A elaborar a disidencia nun xesto, nunha ironía, nun non inesperado. Pode que eses corenta anos e os seus epígonos nos fixeron desconfiar das dinámicas de acción política masiva, dos lemas e dos baños de masas. E pensarmos que o poder se constrúe polo baixo, nas prazas e nos torreiros, con accións continuadas no tempo e non apuradas polas citas electorais. Queiramos ou non, aquel 18 de xullo significou o fin dun mundo. As que ficaron tiveron que construír un novo no que sobrevivir, xogando coas fórmulas que eran viábeis naquel momento. Ese saber acumulado nos anos escuros da represión, esas prácticas do disimulo e da disidencia soterrada, tamén serven para construír país.

Comentarios