Opinión

A bicicleta é liberdade

Teño unha camiseta con esa mensaxe. Foi editada polo colectivo Composcleta de ciclousuarias con motivo dunha pedalada que organizaron en 2018 para demostrar que a bici é un medio de transporte perfectamente válido para percorrer comodamente unha cidade como Compostela. A pesar das costas, a pesar da chuvia. A bicicleta é liberdade porque só depende das túas pernas o lonxe que queiras chegar. A calquera hora e sen ningún custo, a bicicleta lévate, axiña, nos teus desprazamentos cotiáns. Moverme en bicicleta sempre me fixo sentir como un paxaro, a voar deixando atrás ringleiras de carros nas rúas colapsadas de tránsito. En bici descubrín paisaxes novas alá onde o transporte urbano non me levaba; en bici conseguín chegar a coñecer cidades que se me facían inabarcábeis a pé. A camisola, por certo, é de cor lilás, para lembrar que para as mulleres, que tradicionalmente tiñan vedado o uso autónomo de calquera vehículo, aprender a pedalar é un acto libertador.

A bicicleta é tamén saúde, e ese argumento debera ser concluínte nos tempos que corren. Saúde para quen a dirixe e para as demais. Para o planeta e para os petos. A bici facilítanos manter as distancias sociais ao tempo que evitamos lixar o ar que está un pouco máis limpo desde que as rúas ficaron case desertas nos peores meses da pandemia. Antes de que os carros volvan invadilo todo, reservémoslle un espazo a outras formas de mobilidade máis limpas. Sería de agradecer que as Administracións galegas seguisen o exemplo de Alemaña ou Italia, onde se está a promover a adquisición de bicicletas mediante axudas de até 500 euros. Cumpriría, ademais, crear carrís para velocípedes alí onde antes da crise circulaban vehículos a motor, para mellorar a seguridade dos desprazamentos das ciclousuarias. Iso significaría que aprendemos algo desta crise, que a nosa saúde e a do planeta son máis importantes que a economía, e ao mesmo tempo, que non hai por que renunciar á liberdade.

Comentarios