Opinión

Benvidas ao sistema

Cando se achega a data do parto, nos centros de saúde agasállase as futuras nais cunha caixa de produtos, todos supostamente imprescindíbeis para coidar do bebé que vai vir. No interior da caixa hai mostras comerciais de cueiros, cremas, chupetas e varias tarxetas de desconto por mercar en tendas de roupa fabricada en condicións precarias por mulleres, lonxe dabondo para que a nosa conciencia non o sinta. Estas caixiñas non son produto da xenerosidade das casas comerciais, mais un reclamo para prender nas redes do consumo as crianzas tan pronto chegan a este mundo.

Outro agasallo que recibimos as nais é a caixa benvida, unha das medidas coas que o goberno Feixóo pretende animarnos a aumentar a descendencia. Nada máis chegar aos nosos cuartos tras o parto, as mulleres, bébedas de oxitocina, atopamos estoutra caixa aos pés do leito. O seu interior é semellante: produtos específicos para bebés dunha coñecida marca e un lote de “produtos culturais” elaborados por unha fundación benéfica. Poñen o broche unhas cartas onde se nos informa doutras medidas que nos axudarán a conciliar (manternos produtivas) tras o parto. Dunha banda, coa tarxeta benvida poderemos adquirir produtos para as nosas crianzas en determinados establecementos. Pola outra, o bono coidados permitiranos deixalas en mans de persoas coidadoras (maioritariamente mulleres) cando teñamos que incorporarnos ao sistema produtivo.

Soa todo moi ben, nomeadamente para as empresas beneficiadas: a casa fabricante dos produtos agasallados, os comercios nos que haberá que gastar os cartos da tarxeta, e os patróns que recuperarán as súas traballadoras a tempo completo o antes posíbel. É a benvida a un novo suxeito consumidor que mova a engrenaxe capitalista.Mentres segue sen resposta a eterna pregunta: quen coida das coidadoras?

Comentarios