luns 13.07.2020

Angela Davis

Como se fosen o xurado dun programa televisivo que vai deliberar, saíu unha recua de deputados (e algunha deputada) cando Oskar Matute subiu ao estrado. A súa soa presenza naquel hemiciclo molestáballes. Claro, estaban moito máis contentos coa estratexia da loita armada que coa política. Iso do debate de ideas non vai con eles, xa o demostraron cos discursos xenófobos e machistas que proferiran minutos antes, aqueles que si debían de ter ficado fóra desa cámara que se quer instrumento democrático. Mais Matute falou, a pesar dos desplantes e de toda a maquinaria propagandística que llo tentaban impedir. Aproveitou os poucos minutos que lle foran asignados ao grupo de EH-Bildu para fiar un discurso inesquecíbel. Con el entraron no parlamento español as traballadoras precarizadas do fogar e da hostalaría, as vítimas nunca reclamadas da violencia policial e da represión franquista. Fixo soar un “Galiza Ceibe” cando lembraba as loitas doutros pobos do Estado, nun xesto solidario imposíbel de entender para aqueles que abandonaran a cámara ou que lle viraron as costas.

Mais o que tornou impagábel o discurso de Matute foi ter traído Angela Davis ao parlamento español. Unha intrusa de excepción, cuxo nome fai tremer os mesmos alicerces da institución. Se algunha das persoas que saían da sala mentres o deputado abría o seu discurso tivera a máis mínima curiosidade, descubriría un personaxe abondo incómodo. Unha muller negra que, tras doutorarse en filosofía coa titoría de Herbert Marcuse, foi despedida da universidade pola súa militancia comunista. Que foi acusada de homicidio por apoiar as persoas presas, e sufriu nas súas carnes as prisións ianquis até que a absolveron, tras espertar unha vaga de solidariedade internacional. Que defendeu a abolición das cárceres e denunciou todas as formas de opresión: imperialista, de clase, racial, contra as mulleres, como parte dunha mesma engrenaxe, dun mesmo sistema que cumpre abolir. Matute trouxo Angela Davis ao parlamento español e iso podería ter incomodado moito máis ás señoras e señores deputados que abandonaban a sala cando el exercía o seu dereito soberano. Mais temo que nin saben de quen falaba nin lles interesaba. Ao cabo, a ignorancia segue a ser a súa consigna e a vitamina que os engorda.

comentarios