Opinión

Adeus, Alcoa

En maio de 1979, convocadas pola Asamblea Nacional Popular Galega, centos de persoas participaban nunha marcha cara a Xove, en protesta polo proxecto de creación dunha planta nuclear. As consignas rexeitaban un modelo económico extractivista, propio das economías coloniais, que suporía un enorme custo ambiental e escasos beneficios para o país. Seica eu participei nesa marcha, quentiña e cómoda no útero materno. O líquido amniótico debeu amortecer o volume dos berros que clamaban “nucleares non” e, probabelmente, algún “Galiza ceibe, poder popular”.

Ao final a nuclear non foi para adiante, mais si unha planta de produción de alúmina-aluminino que, malia algunhas protestas iniciais da veciñanza polas verteduras de flúor, acabou sendo aceptada e asumida. É innegábel que a planta creou un número importante de postos de traballo e permitiu dinamizar a economía da Mariña, mais habería que valorar a que custo. Nun recente informe, Adega achega algo de luz nun debate no que sobran os argumentos emocionais. Que Alcoa contamina é un feito, como o é que a enorme balsa de lodos vermellos que segue alimentando en terreos de San Cibrao supón un risco de consecuencias incalculábeis en vidas humanas e no ecosistema da zona. A multinacional non debe marchar sen pagar antes por esa hipoteca medioambiental. O modelo económico extractivista e baseado en elevados consumos de enerxía eléctrica está abocado a desaparecer e o que cómpre é procurar alternativas que pasen por promover os sectores que se sacrificaron coa instalación da planta, como a agrogandaría, a pesca ou o turismo cultural. No canto de destinar enormes sumas a compensar as industrias electrointensivas, o Estado tería que dirixir os seus apoios ás persoas que van perder os seus traballos. Esixamos solucións sociais e económicas que non pasen por hipotecar o futuro dunha comarca, perpetuando unha situación que, como xa denunciaban hai corenta anos naquela marcha, só pode cualificarse de colonial.

Comentarios