Opinión

(a)normalidade

Di un amigo que non hai nada que o desacougue máis que a “nova normalidade”. Desde o comezo do estado de alarma, as comunicacións oficiais conseguen dotar as palabras de novos sentidos, tétricos e ameazantes. A nova normalidade será algo construído desde arriba, sen o noso concurso. Unha nova palabra de orde que acataremos acriticamente. O carácter silencioso e invisíbel do “inimigo” conseguiu xerar consenso arredor de calquera medida. Intímasenos a asumir a autoridade dun saber científico filtrado pola burocracia e a nosa propia ignorancia fainos súbditos do Coronavirus.

Nos primeiros momentos da pandemia moitas quixemos ver unha esperanza por tras da traxedia. O neoliberalismo dábase de fociños coa realidade: os recortes en servizos públicos matan. Esta constatación traería aparellada unha mudanza a nivel global nas políticas económicas, na xestión dos recursos e das vidas. A receita pasaría por menos capitalismo e máis solidariedade; menos darwinismo social e máis soberanía e coidados. Filósofos como Zizek anunciaban que a COVID-19 podería implicar un retorno global ao socialismo. Porén, pasan os días e non semella que vaiamos nesa dirección, senón na adiantada por outro pensador, Byung-Chul Han, que auguraba que a crise traería máis capitalismo e, sobre todo, un maior control das nosas vidas, en parte co noso beneplácito. O desescalamento amósanos como os instintos policíacos da veciñanza se aguzan á hora de denunciar a quen pasea máis do permitido. Abrirán os comercios e as terrazas mais só coa metade do aforo, o que repercutirá nun aumento dos prezos en maiores diferenzas no acceso ao consumo. A nosa afectividade ficará confinada, só poderemos bicar e abrazar a familia nuclear, que ás veces se reduce a un único membro. Para o resto das relacións haberá que contentarse coas olladas cómplices en rostros semiagachados tras as máscaras. Todo isto sería asumíbel de ser algo transitorio, froito de circunstancias excepcionais. O desacougante é que deveña a “nova normalidade”.

Comentarios