Opinión

Transición enerxética: algunhas incertezas e unha seguridade

Colectivo de debate enerxético Bidán: Manolo Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco

Cando o homo sapiens logrou manipular o lume á súa vontade, dende entón, o ser humano non cesou de inventar enxeños e desenvolver tecnoloxías que permitiran incorporar á súa insaciábel dieta enerxética todo tipo de fontes para acelerar o seu progreso e benestar. É dicir, as distintas fontes enerxéticas sempre se complementaron e acumularon.

Mais na situación actual enfrontámonos, por primeira vez, ao deseño e execución dunha transformación enerxética dun enorme calibre: non acumular senón substituír case que o 80% do seu mix enerxético fósil por outro tipo de tecnoloxías renovábeis, asunto non exento de incertezas e problemas que poidamos intuír ou imaxinar.

Dende logo non acreditamos na mensaxe falsa e pueril de que, para acadar a transición enerxética, só chega con encher os tellados de fotovoltaicas; non só non chega senón que imos ter que facer outras moitas cousas. Por poñer só un exemplo, para substituír os 2.000 MW xestionábeis das centrais galegas de carbón son precisos, cando menos, outros 6.000 MW intermitentes de eólicos, a maiores dos 4.000 MW que xa temos actualmente en Galiza, máis os sistemas de enerxía de respaldo ou acumulación necesarios para o seu pleno aproveitamento.

A transición ímola pagar integramente as persoas consumidoras

En relación cos aspectos técnicos, e segundo a Axencia Internacional da Enerxía, na actualidade existen tecnoloxías no mercado para alcanzar os obxectivos fixados para o período 2020-2030, mais para chegar ao cero neto de emisións en 2050 precísanse outras que, na actualidade, están aínda na fase de prototipo ou demostración a nivel de laboratorio, o que nos suxire algunhas cuestións básicas e importantes como: 

1.    É posíbel cadrar o círculo da substitución de tecnoloxías de xeración eléctrica xestionábeis por outras intermitentes e, ao mesmo tempo, desenvolver unha electrificación masiva do maior número de sectores, tamén dos difusos?

2.    Chegaranse a fabricar sistemas de almacenamento masivo de enerxía e novos combustíbeis sostíbeis de cero emisións netas de CO2, capaces de alcanzar a paridade de rede, aínda cos esforzos investigadores que se están a realizar ao nivel mundial?

3.    Cal será o custo de oportunidade que as empresas fixarán para as enerxías de respaldo e que determinará o seu prezo de mercado en cada momento?

4.    Van renunciar sen máis as empresas de combustíbeis fósiles a participar no novo sistema enerxético mundial, logo de executar investimentos millonarios de difícil amortización que non garantan a súa entrada en produción? Cantas crises enerxéticas máis teremos ata 2050?

5.    E cantas, no mesmo período temporal, das materias primas necesarias para a fabricación dos novos sistemas de xeración e almacenamento de enerxía?

6.    Cantos Estados, sobre de todo dos máis emisores, serán quen de reducir o seu PIB de non desacoplar este coa emisión de CO2 ao ritmo imposto para alcanzar os obxectivos de cada período? Cantos consideran o cambio climático un problema real e non unha estratexia para beneficiarse e situarse nunha posición máis competitiva? Aqueles que dominen as tecnoloxías necesarias de novos sistemas de xeración e almacenamento de enerxía, e o acceso as materias primas necesarias para a súa realización, situaranse nunha posición inmellorábel para o seu progreso e benestar, xa que o sol e o vento están máis distribuídos no mundo que os combustíbeis fósiles, e de forma moi diferente, posibilitando unha nova xeopolítica enerxética.

Entre tanta incerteza, o único que si é seguro, e que convén non esquecer, é que a transición ímola -estamos xa- pagar integramente as persoas consumidoras, aumentando as desigualdades de clase e tamén territoriais, incrementándose a pobreza enerxética; incluso haberá quen pague dúas veces, consumindo e financiando as subvencións que se concederán para a mellora da eficiencia enerxética e do desenvolvemento das enerxías renovábeis. Lembrar, tamén, que no nome de grandes causas sempre se fixeron grandes negocios.

Comentarios