Opinión

Sobre a transformación enerxética

Colectivo de debate enerxético Bidán: Manolo Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco

Limitar o aumento do quecemento global a 1,5oC quizais sexa o maior desafío ao que se enfronta a humanidade en toda a súa historia, así o manifestou Fatih Birol, director executivo da Axencia Internacional da Enerxía (AIE). 

Non cabe dúbida que un asunto de semellante envergadura encerra múltiples retos e dificultades e boa parte da problemática reside na complexidade que presenta a transformación completa do sistema enerxético mundial, cuestión que será imprescindíbel para a consecución deste obxectivo.

Recordemos que dos 14.378 millóns de toneladas equivalentes de petróleo de enerxía primaria que se consumiron no mundo no ano 2019, o 80% procede de orixe fósil (carbón, petróleo e gas), e o restante 20% repártese en biomasa (10%), nuclear (5%), hidroeléctrica (3%) e só o 2% corresponde á solar e eólica. Este 80% de enerxía de orixe fósil é a responsábel do 65% das emisións de gases de efecto invernadoiro emitidos durante o ano 2019, se contamos os procedentes dos cambios de uso da terra.

Para enfrontar con éxito o obxectivo dos +1,5oC derivados de actividades antropoxénicas, a AIE publicou o pasado mes de maio o documento titulado Net Zero para 2050: unha folla de ruta para o sector enerxético mundial; é o primeiro informe integral do mundo de como facer a transición a un sistema enerxético de cero emisións netas para 2050, que garanta un subministro de enerxía estábel e accesíbel. Nel estabelécense máis de 400 fitos para descarbonizar a economía en só tres décadas,  para o que será necesario que dous terzos do total da enerxía proveñan da enerxía eólica, solar, bioenerxética, xeotérmica e hidráulica, sendo a enerxía solar e eólica as máis importantes. O 50% do uso da enerxía mundial será electricidade, cun 90% de orixe renovábel, o 70% solar e eólica, polo que será necesario que o seu crecemento ata 2050 sexa de 20 e 11 veces respectivamente; o resto será nuclear.

O informe prevé que, de cumprirse con éxito a folla de ruta, a demanda enerxética no ano 2050 será arredor dun 8% menor que a actual e abastecerá a unha economía máis do dobre maior, cunha poboación de 2.000 millóns máis de persoas que a actual,  baseándose nun uso máis eficiente da enerxía e dos recursos, e no cambio de comportamento da poboación en canto aos seus hábitos de consumo enerxético. É dicir, que a transformación enerxética non consiste unicamente en descarbonizar o sector enerxético, senón en conseguir un sistema enerxético eficiente, estábel, sostíbel e con enerxía accesíbel, non necesariamente barata, pois, se o mundo dispón de enerxía moi barata, non tardaríamos en enfrontarnos a unha crise de materias primas e contaminación difícil de superar sen medidas non traumáticas.

Para acadar estes niveis de eficiencia enerxética, o sector industrial e o resto dos sectores económicos (construción, transporte, agricultura, ...) terán que realizar unha profunda transformación para ser máis flexíbeis, sendo necesarios uns investimentos billonarios, difíciles de cuantificar a dia de hoxe, mais non serán menores os esforzos que terá que realizar a poboación na racionalización do uso da enerxía e de todo tipo de recursos, asunto que, de seguro, non fará moita graza, aínda que sexa para salvar o planeta dos efectos devastadores que pode causar o cambio climático.

Facémonos eco deste documento porque estamos seguros que será obxecto de debate na Conferencia das Nacións Unidas sobre o cambio climático (COP26), que se celebrará en Glasgow (Escocia) o próximo mes de novembro, de onde sairán novas recomendacións e obrigas. Probabelmente dirannos se temos que enfrontar o cambio climático ou protexer a paisaxe, ou as dúas cousas á vez, comportamento que precisará, sen dúbida, dalgún que outro agasallo en forma de “milagre” tecnolóxico por parte 

da Ciencia.

Comentarios