Opinión

Tarifa eléctrica galega

Artigo do Colectivo de debate enerxético Bidán: Manolo Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco

Cando o nacionalismo reclama a Tarifa Eléctrica Galega faino coa idea forza da Galiza excedentaria na xeración de enerxía eléctrica, argumentación, ao noso entender, limitada, por ser parte da chamada transición enerxética, na que hai que falar non só de enerxía eléctrica senón de enerxía no seu conxunto, tema para tratar máis devagar noutro artigo.

Se demandamos a contraprestación de beneficiármonos dun prezo máis baixo da electricidade tamén é por outras cuestións non menos importantes e fundamentadas:

1) A tarifa eléctrica soporta custos de solidariedade interterritorial, nomeadamente os extrapeninsulares, xa que nas Canarias, Illes Balears, Ceuta e Melilla, pola súa condición de illados, son máis caros que o sistema peninsular.

Até hai poucos anos, este sobrecusto cargábase totalmente no recibo, uns 1.500 millóns de euros/ano; agora, despois dunha decisión política, o 50% é soportado polos Orzamentos do Estado e os outros 750 millóns de euros/ano seguen no recibo eléctrico.

Ademais, nos seus recibos eléctricos os impostos semellantes ao IVE peninsular van do 7% en Canarias ao 1% en Ceuta e Melilla. É dicir, a Tarifa actual si pode ter discriminación territorial, neste caso de solidariedade, mais semella non poder favorecer onde se produce.                                                                                                 

2) A lexislación do Sector Eléctrico permite -non obriga- o Goberno central recargar nos recibos eléctricos os denominados Suplementos Territoriais, que tanto poden ser no ámbito dunha Comunidade Autónoma como dun Concello, e supoñen trasladar ao recibo a cantidade recadada nos impostos eléctricos no territorio afectado; impostos á xeración que só existen onde se produce non onde se consome e, se non hai actividade de xeración eléctrica ou é residual, os impostos non existen ou son irrisorios.

O Goberno do PP tirou dos suplementos en 2013, mais por disputas xudiciais non se aplicaron até o ano 2019 e 2020, e Galiza pagou durante este tempo a electricidade máis cara do Estado, 38 millóns de euros en total a pagar entre os 2,7 millóns de habitantes, mentres que na Comunidade de Madrid foi de 2,4 millóns a pagar entre 6,7 millóns de habitantes, e en Euskadi foi de 0 euros; situación que se pode repetir no futuro.

3) Mais deixamos para o final o que para nós é o argumento máis potente: o impacto que ten sobre o territorio a produción de enerxía eléctrica. Actualmente, 8 de cada 10 concellos galegos teñen algunha instalación de xeración, ben sexa hidráulica, eólica, biomasa, coxeración, ciclo combinado...; case o 90% dos concellos no caso de Lugo, A Coruña e Pontevedra, e o 70% de Ourense, sen considerar o desenvolvemento eólico actualmente en tramitación ou aprobación. Paradigma da xeración distribuída.

Se a isto lle sumamos as liñas de evacuación precisas, veremos o impacto que ten nos usos do territorio galego a actividade de xeración eléctrica.

Subliñar o feito de que a maioría das eléctricas que operan na Galiza teñan a sede social fóra do país. Pois todo isto debe ser compensado coa Tarifa Eléctrica Galega, non só e exclusivamente a capacidade de exportar electricidade.

A Comunidade de Madrid, que fai dumping fiscal, é deficitaria en enerxía eléctrica nun 95%; porén, no ano 2004 houbo até 7 proxectos de instalación de centrais eléctricas de ciclos combinados que usan gas natural (ciclo de gas e ciclo de vapor), e hoxe, 17 anos despois, non ten ningún. E cales foron os argumentos da esquerda estatal, que vota en contra da Tarifa Eléctrica Galega, nos debates parlamentares da Asemblea de Madrid? Reproducimos algúns deles:

“Non apoiaremos a construción das Centrais en tanto non se elabore en Madrid unha diagnose rigorosa sobre as necesidades enerxéticas da rexión (sic), así como unha distribución razoábel das cargas ambientais”

“As implantacións destas centrais non supón que a enerxía se quede en Madrid. Esa enerxía é xestionada por multinacionais que poden transportala a outros lugares”

_________

Colectivo de debate enerxético Bidán: Manolo Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco

Comentarios