Opinión

Suplemento territorial, tarifa eléctrica á inversa

 

A finais de xullo o Goberno do Estado fixo pública a proposta da Orde Ministerial para, en cumprimento dunha sentenza do Tribunal Supremo, cuantificar o suplemento territorial da tarifa eléctrica que lle corresponde a cada Comunidade Autónoma pola recadación de impostos propios á actividade eléctrica no ano 2013.

 

A información sobre este tema, recollida nos medios de comunicación convencionais, admitían que Galiza era a Comunidade Autónoma onde o impacto económico era maior, pero só informaban dun importe medio de 16 euros por punto de consumo; mais isto é unha versión moi edulcorada e parcial do efecto económico que vai ter no noso País.

 

A proposta da Orde Ministerial fai un cálculo ficticio; eses 16 euros son só un cálculo estimado para clientes domésticos que teñan un consumo anual de 600 euros; na realidade, o consumo doméstico medio aproxímase aos 800 euros anuais, polo que o efecto será maior, ademais de causar un impacto económico evidente no sector comercial e industrial.

 

Galiza pagará o 34% do suplemento territorial na tarifa eléctrica de todo o Estado

 

Se queremos cuantificar o que significa para Galiza este impacto económico do suplemento territorial da tarifa eléctrica, só temos que comparar os 111 millóns de euros que se van recadar no conxunto do Estado co que vai corresponder a Galiza, case 38 millóns de euros; é dicir, imos pagar o 34% de todo o Estado.

 

Ou, para unha mellor comparativa, imos ver o que lle vai corresponder pagar a outras Comunidades Autónomas: Madrid vai pagar 2,4 millóns de euros, Catalunya 2,3 e Euskadi, Canarias e Baleares 0 euros.

 

En primeiro lugar, collemos o exemplo de Madrid e Catalunya por seren Comunidades con moita máis poboación que Galiza, co cal, o seu impacto económico vai ser menor, e no caso de Madrid, ademais hai que considerar que son deficitarios na produción de electricidade nun 95%.

 

Desta maneira, podemos ver perfectamente como os suplementos territoriais penalizan a quen produce e benefician a quen consume.

 

Dende Galiza, que exportamos anualmente entre un 30 e un 40% da produción eléctrica, soportamos o País inzado de liñas de transporte, os nosos montes ateigados de parques eólicos, os nosos ríos con centrais hidráulicas, e vilas con térmicas de carbón e de gas; que moitas veces definen e limitan o uso do noso territorio, agora, ademais, imos tamén pagar polo que producimos e noutros territorios consomen.

 

Euskadi, Canarias e Baleares

 

En segundo lugar, os casos de Euskadi, Canarias e Baleares, que non van pagar un só euro de suplemento territorial, son moi significativos e clarificadores do papel que o Estado lle ten asignado a Galiza e do nulo peso que temos na política estatal.

 

No ano 2014 o PNV aproveitando ter Grupo Parlamentar propio nas Cortes, e cunha boa argumentación técnica, pactou co Goberno do Estado, naquel momento do PP, a creación dunha nova tarifa eléctrica de acceso, a 6.1B, pola que, a maior parte da industria vasca e algunha doutros territorios na mesma situación, ningunha empresa galega, podería beneficiarse no recibo eléctrico dunha rebaixa moi significativa; este pacto denomínase no sector eléctrico como a euskopeaxe, e estímase que para a industria vasca supón un aforro duns 50 millóns de euros ao ano; agora ben, esta rebaixa compénsase co resto das peaxes, ou dito doutro xeito, o que deixan de cobrar as eléctricas coa euskopeaxe, repercúteno nos recibos do resto do consumo de todas as Comunidades.

 

O caso de Baleares e Canarias tamén é significativo, porque, nos custos do sistema eléctrico hai unha partida específica de solidariedade interterritorial co sistema eléctrico extrapeninsular que, pola súa condición de illamento, é máis custoso; neste ano 2018 ese sobrecusto estímase nuns 1.400 millóns de euros, a metade recádase vía tarifas eléctricas e a outra metade vía orzamentos do Estado.

 

É dicir, o consumo eléctrico en Galiza sufraga a parte que lle corresponde do reparto da euskopeaxe e é solidario tamén cos sobrecustos extrapeninsulares. 

 

Entre o 1 de abril de 2019 e o 1 de abril de 2020, a economía galega: doméstica, comercial, industrial, etc., vai ter que asumir no seu conxunto un gasto de 38 millóns, cal será o seu efecto?

 

O suplemento de tarifas do 2013 é obrigatorio pola publicación dun Real Decreto de 2012, pero a actual Lei do Sector Eléctrico do ano 2014 mantén en mans do Goberno Central a súa posíbel continuidade; por iso, de seguirse aplicando suplementos territoriais, que efectos tería no sector produtivo galego?

 

Partidos Políticos

 

No debate parlamentar sobre unha Tarifa Eléctrica Galega, impulsado pola CIG, xa se advertía da posibilidade dos suplementos territoriais (tanto no ámbito da Comunidade Autónoma como locais, nos Concellos con impostos propios á actividade eléctrica); por iso, agora que se concretan no caso das Comunidades Autónomas é relevante lembrar cal foi o discurso de cada forza política.

 

Para o PP non podían existir tarifas diferentes no Estado, pois a pretensión da CIG era unha tarifa separatista; dicían iso porque a proposta da CIG suporía unha rebaixa nas tarifas en Galiza, agora que imos pagar máis que o resto do Estado, non sabemos se consideran estes suplementos de tarifa como separatistas, o que si fica claro é que poden existir tarifas diferenciadas por territorios.

 

O PSOE entendía que debería buscarse unha fórmula para compensar a Galiza polo impacto que o sector eléctrico ten no territorio, pero non apostaban polo obxectivo dunha tarifa eléctrica propia, agora que goberna no Estado, podería concretar esa compensación.

 

De EN MAREA é difícil dicir algo, pois logo de horas de debate no Pleno do Parlamento e da comparecencia en Comisión de 10 persoas expertas, non foron quen de enunciar nin unha soa vez a expresión: Tarifa Eléctrica Galega.

 

Só o BNG argumentou e mantivo a defensa dunha tarifa propia.

 

Canon ou participación pública

 

Hai outro tema no que os suplementos territoriais botan luz; cando o BNG no Goberno da Xunta propuxo o concurso eólico apostou pola cesión gratuíta de participación pública no sector, precisamente porque, entre outras cousas, sabía que as figuras impositivas, que poden ser moi populistas, ían en contra da Lei do Sector Eléctrico que xa prevía a posíbel creación dos suplementos, pola contra, o PP creou o canon eólico e o PSOE o canon hidráulico, que son agora a maior parte deses 38 millóns que imos pagar.


 

 

 

Comentarios