Opinión

Muras, un exemplo

Noruega, polo seu fondo de pensións públicas do petróleo, e Canadá e Suíza, polos seus sistemas de taxa de carbono con dividendo, serían os exemplos coñecidos nas relacións máis igualitarias entre enerxía e sociedade. Pero Galiza tamén ten o seu exemplo.

O concello de Muras, a medio camiño entre a Terra Cha e a Mariña Luguesa, cuns 600 habitantes e uns 1,8 M€ de orzamento, ten 380 aeroxeradores -no alto da Gañidoira podemos ver o parque temático do sector eólico-. Segundo o Observatorio Eólico de Galiza é o concello galego con maior potencia instalada, case a dobre da existente en Euskadi, sete veces máis que Estremadura e, dende logo, moito máis que a Comunidade de Madrid, que non ten ningún aeroxerador.

Coa chegada do nacionalismo á Alcaldía no 2015 aprobouse unha ordenanza para bonificar o consumo eléctrico doméstico e, dende 2019, tamén das actividades económicas industriais, agrogandeiras ou comerciais; actualmente as primeiras van de 300 a 600 euros anuais, segundo as rendas, mentres que para os establecementos é unha axuda única de 1.500 euros. É esta unha iniciativa singular e pioneira, que chega case que ao 100% da veciñanza, e que se mantén polos ingresos que os parques eólicos xeran ao Concello.

Poñela a andar non foi doado, polas dificultades administrativas e tamén políticas, tiveron que rachar con discurso de posíbeis competencias impropias que, as veces, emprégase para non tomar decisións complexas mais necesarias.

A decisión do Goberno municipal foi acercar unha realidade a súa poboación: non se pode ter o concello inzado de aeroxeradores e que non supoña ningunha vantaxe comparativa para a súa xente. E nisto, o Concello de Muras é un exemplo.

Pola contra, limitando con Muras están Ourol e As Pontes. No de Ourol, terceiro concello galego con máis aeroxeradores, e no que a empresa Greenalia, da que é executiva a ex-Conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato (PP), instalou 22,5 MW con 5 grandes máquinas; como compensación, e ao mellor estilo colonial, a empresa entregou unha mochila para portátil -non con el- e 60 € a cada unha das 66 persoas de menos de 16 anos que estude no municipio; o seu gasto foi de pouco máis de 4.000 euros, todo un dispendio.

Nas Pontes, cuarto concello galego con máis aeroxeradores, cunha central térmica, un ciclo de gas e dúas hidroeléctricas, o goberno municipal (PSOE) decidiu non facer nada, a pesar das propostas nos plenos.

Sirva o exemplo do Concello de Muras de como actuar onde hai necesidade. E foi o que fixo, non agardou pola Xunta nin polo cumprimento de ningunha consigna publicitaria, aproveitou a súa propia capacidade para demostrar que hai cousas que se poden -e deben- facer.

Pero ademais, a mesma administración local vén de facer público o estudo específico encargado ao Observatorio Eólico de Galiza sobre o impacto territorial, económico, ambiental e enerxético da eólica en Muras. Un traballo que lles permite coñecer, polo miúdo, os efectos dos parques, implantados e proxectados, no seu ámbito territorial; saber, por exemplo, que dos 70 a 90 M€ anuais do negocio das empresas eólicas no municipio, uns 0,9 M€ son os ingresos do Concello polos impostos (IBI e IAE) dos parques, os propietarios participan, como moito, do 1,5% -moi por baixo da media da Galiza-, e a Xunta recada polo canon eólico máis de 2,2 M€ dos que o Concello recibe uns 0,5 M€.

Máis do 80% dos Concellos galegos teñen algunha instalación de xeración eléctrica. A Xunta debería elaborar un informe similar ao que hoxe ten Muras; porén, mentres agardamos pola actividade dunha Administración pasiva, outros Concellos con implantacións significativas deberían facer algo semellante, ademais das axudas, para saber que economía xera, como afecta a súa implantación e como se deben xestionar eses activos.

Muras é hoxe un bo exemplo, mesmo recoñecido fóra das nosas fronteiras, mágoa que non teñamos máis. A enerxía que producimos cos nosos recursos ten que reverter no noso beneficio, da nosa xente e das nosas actividades.

Comentarios