Opinión

As “hostias democráticas” de Billy El Niño

 

Tempos da Transición, cando as manifestacións chamábanse saltos e non sempre tiñan un remate feliz; lembro moi especialmente, pola miña proximidade, o asasinato de Germán Rodríguez (Gorin) nos San Fermíns de 1978, morte esta e outras moitas dese tempo que nunca foron xulgadas. Manifestacións pola amnistía, que ilusos/as, pensando que demandábamos xustiza para as persoas represaliadas e logo beneficiáronse tamén os represores.

 

Produto do denominado consenso chegou a Constitución, fixemos campaña na súa contra, e só tres meses despois da súa aprobación recibín a visita (de madrugada) dos compañeiros de Billy el Niño, foron dez días (e dez noites) na súa compaña na Porta do Sol de Madrid, no denominado e centralista quilómetro 0, onde todos os anos retransmiten as badaladas de fin de ano, nunca fun capaz de comprender esa celebración diante do edificio máis famoso de torturas de todo o Estado.

 

Sen entrar en detalles, só quero relatar unha anécdota concreta; nunha daquelas sesións lembro (sempre lembrarei) o comentario de Billy el Niño: “Agora son hostias democráticas”.

 

Aínda hoxe, case corenta anos despois, teño dúbidas se Billy el Niño non acertaría na súa particular lectura da Transición española, unha das probas máis evidente é o actual debate sobre os restos do ditador, que a súa familia aínda manteña o Pazo de Meirás, a Casa de Cornide ou esculturas do Pórtico da Gloria e, tamén, que o propio Billy el Niño continúe condecorado polo Estado a pesares de casos nunca resoltos como o de Enrique Ruano (Què volen aquesta gent). 
 

Comentarios