Opinión

Eólicos e PSdeG

Se algo precisa a Galiza no sector eléctrico é dunha dirección política con visión de país, que cree unha empresa pública de enerxía

Na súa lóxica necesidade de darse a coñecer en toda Galiza, o actual líder do PSdeG tamén ten obriga de facer propostas diversas, e, como sempre di, con “altura de miras”, aínda que máis ben semella facelas dende a altura, sen poñer nunca os pés no País do que fala.

Un exemplo evidente é a realizada sobre o sector eólico, denominada pomposamente como o “Pacto por unha Enerxía Eólica Sostíbel para Galiza”. Para comezar, sorprende o tratamento que se lle dá ao nacionalismo sindical, que fica excluído de antemán a pesar de ser a primeira forza sindical do País; e no ámbito político volve coa xa nada novidosa consigna de definilos como “os do non”, esquece intencionadamente que o seu cargo institucional na Deputación foi apoiado por esa forza política que para el é tan “negativa”. Mais nada novo nin sorprendente, para nós, coñecendo a súa referencia pacovazquista, actualizada e agochada temporalmente por necesidade.

Indo ao contido da proposta, débese destacar a falta de rigor, xa que utiliza datos incorrectos sobre o sector eólico galego, esquece que Galiza xa cumpre hoxe os obxectivos do PNIEC para 2030, non se ocupa de a onde van os beneficios do sector eólico, non cuestiona a fórmula legal para implantar eólicos (autorizacións no canto de concesións), nin lle preocupa o feito de que haxa algunha outra Comunidade Autónoma que non chegue, nin de lonxe, aos obxectivos de 2030 e que nin sequera teña un só parque eólico; pero ademais, o máis sorprendente é que non fale do propio PSOE, xa que a maior parte dos parques eólicos previstos na Galiza e cuestionados socialmente son competencia de Miteco.

O que si deixa claro na súa proposta é a súa plena coincidencia cos obxectivos das empresas promotoras e da propia patronal, a modo de altofalante ou correa de transmisión; tampouco nada novo.

O máis irresponsábel da proposta é a utilización da mentira e da contradición: un día fala dos do “non absoluto” e reclama a participación dos Concellos nun 10% dos beneficios eólicos e, aos poucos días, afirma que o PSdG o apoiou, sen “escoitar unha palabra en contra”, o concurso do BNG no Goberno bipartito.

Non sabemos como andaba de oído no 2008, pero en 2022 non semella ter boa memoria, xa que o coñecido como decreto eólico de 2008 foi atacado polo PSdeG dentro do propio Goberno, apoiando a oposición feita por importantes grupos empresariais e mediáticos, un concurso que na súa resolución significaba, entre outros beneficios, unha participación pública do 14%, tamén para concellos afectados e comunidades de propietarios dos terreos.

Naquela altura, o actual secretario do PSdeG, na súa xa condición de alcalde, tivo unha actitude tremendamente despectiva, burlándose publicamente sobre a posibilidade de que grupos de PEMES galegas (“panadeiros” segundo dixo el) puidesen entrar no sector eólico.

En resumo, proposta confusa, sen coñecemento da realidade eléctrica galega, falta de rigor e, sobre de todo, incompleta, pois nunca aclara para quen van ir os beneficios se Galiza segue aumentando a súa potencia eólica; ou dito doutra forma, este PSdeG non cuestiona de ningún xeito a situación actual: Galiza pon o recurso, non temos ningunha industria asociada ao propio sector eólico e os beneficios van para fóra, mesmo nalgún caso para empresas públicas doutros países. 

Se algo precisa Galiza no sector eléctrico é dunha dirección política con visión real de País, que cree unha empresa pública de enerxía, avance na necesaria implantación de enerxías renovábeis, e que isto leve aparellada a creación de industrias e tecnoloxía ligadas ao propio sector, para que en definitiva poña os nosos recursos ao servizo do pobo galego.

Por ultimo, recordarlle ao PSdeG que a transición enerxética é o maior desafío ao que se enfronta a humanidade na era moderna. Por iso, como sempre repite (pero fai o contrario) non todo vale; non todo vale para criticar o BNG, e menos no aspecto enerxético, onde os lemas demagóxicos teñen pouca cabida porque este asunto esixe rigor e coherencia.

Comentarios