Opinión

Eólicos: autorización administrativa ou concesión?

Dende este mesmo xornal vimos defendendo a necesidade dunha Empresa Pública de Enerxía Galega cos activos iniciais das centrais hidroeléctricas con concesións vencidas, así como unha revisión exhaustiva de todas as instalacións en explotación, xa que o desleixo das diferentes Administracións Públicas permite, por inactividade ou por prescrición dos expedientes de caducidade e reversión pública, a continuidade do aproveitamento privado dun recurso público.

Nestes momentos de tsunami de proxectos eólicos na Galiza, amparados por unha lexislación con multitude de defectos ambientais, sociais e económicos que promoven a espoliación dos nosos recursos, sorprende que se sigan concedendo autorizacións administrativas, sen unha auténtica planificación, cando Galiza xa cumpre agora os obxectivos de xeración eléctrica renovábel previstos polo Estado para o 2030.

Somos conscientes de que no futuro haberá que xerar máis electricidade, pois oriéntase unha demanda enerxética maioritariamente eléctrica, o cal é fundamental para rebaixar a nosa gran dependencia e acadar o cero neto de emisións GEI en 2050, pero tamén é imperioso definir o modelo enerxético que queremos, unha urxencia que non ten resposta política, nin pola banda de Laíño nin pola de Lestrove.

Mais pretendemos neste artigo chamar a atención sobre un aspecto, para nós fulcral, que diferenza a tramitación dos proxectos eólicos e dos hidroeléctricos, como é o do soporte xurídico para a súa aprobación baseado no modelo das autorizacións.

Ambos procedementos administrativos son moi distintos e teñen consecuencias tamén diferentes, e algunha similitude. No caso das centrais hidroeléctricas (tamén na eólica mariña e na solar flotante) o modelo é de concesións, e cando remata o prazo outorgado as instalacións deben volver á Administración Pública en perfecto estado de uso; porén, as autorizacións administrativas para os eólicos non teñen límite de tempo, mais tamén teñen o dereito á expropiación forzosa, incluso os proxectos que non participan das poxas realizadas polo Miteco para cumprir co PNIEC e que fan superar a potencia eólica prevista. Pero que aínda así son de "interese público".

A xustificación legal é que a auga considérase un ben de dominio público, segundo a Lei de Augas, mentres que o vento non é tal, por ausencia de disposición algunha que así o determine, como o demanda a sacrosanta Constitución.

Dous recursos naturais, segundo a Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, aproveitábeis polo ser humano para a satisfacción das súas necesidades, tamén polas enerxéticas, cun valor actual ou potencial, ambos os dous relacionados coa clasificación das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovábeis estabelecida no RD 413/2014; porén, cada un deles co seu tratamento cara á súa explotación: concesión para a auga, autorización para o vento.

No 2008, unha Consellaría do BNG no Goberno chamado Bipartito propuxo un gran avance, introducindo a participación pública nos parques eólicos que se desenvolvesen nas novas adxudicacións, iniciativa que foi rexeitada polo PP, polo socio de goberno PSOE e, tamén, naquela altura, pola actual Vicepresidenta e Ministra de Traballo de Unidas Podemos.

Agora débese promover outro debate, xurídico, considerar o vento tamén como dominio público. É preciso rematar co tratamento diferenciado e inxustificado entre a auga e o vento no ámbito da xeración eléctrica, e restituír a obriga legal dos poderes públicos a respecto da utilización racional dos recursos naturais, característica que debe promover a concesión fronte á autorización administrativa; a utilización temporal e recuperábel para o público, fronte á perpetuidade do uso e beneficio privado dos recursos naturais, ampliando as ferramentas xurídicas que outorguen maior capacidade de decisión aos poderes públicos nun sector que é estratéxico.

Depende de cambios xurídicos, pero sobre todo de iniciativas políticas.

Comentarios