Opinión

Ente Vasco de Enerxía

A grande maioría das administracións, tamén deputacións e mesmo algúns concellos, teñen unha institución referida á enerxía, porén non todas teñen as mesmas funcións nin inflúen do mesmo xeito na política enerxética no seu ámbito competencial.

Case que todas centran a súa actividade no aforro e eficiencia enerxética, xestionando subvencións para o cambio de fiestras, electrodomésticos, sistemas de calefacción/climatización, a compra de coches eléctricos... e, nalgúns casos, tamén revisan facturacións; mais, como dicimos, poucos destes organismos actúan ou marcan a política enerxética.

Con excepcións: Catalunya ten anunciado para este outono a creación dunha empresa pública de enerxía que recupere as hidroeléctricas con concesión vencida, Estremadura ten en marcha a construción dun centro de investigación sobre o almacenamento enerxético -central para o total aproveitamento das enerxías renovábeis-, e Euskadi, que dispón do seu Ente Vasco da Enerxía (EVE), do que imos tratar.

En primeiro lugar, a través destas liñas en Nós Diario queremos agradecer á Dirección do EVE a facilidade que, como Colectivo Bidán, nos deu para manter unha reunión na que puidemos coñecer, debater e aprender máis sobre a realidade enerxética concretada nas súas actividades.

Para nós era especialmente importante coñecer a fondo o EVE por, entre outros motivos, as diferenzas na situación do sector eléctrico nos dous países: Galiza é, no balance anual, excedentaria na xeración eléctrica e cunha importante aportación da xeración renovábel, que chega a cubrir a demanda, mentres que Euskadi é moi dependente da importación de electricidade, cun 7% da súa demanda de aportación renovábel.

A primeira vista podería parecer que en Euskadi hai moi pouco traballo feito no ámbito enerxético e, especificamente, no eléctrico, porén isto non é así. O EVE cumpre este outono 40 anos de percorrido e, a diferenza doutras axencias enerxéticas, non depende dos orzamentos do Goberno Vasco, todo o contrario, é o EVE quen reporta ingresos á facenda pública vasca.

Nun Estado onde a situación dos centros de xeración eléctricos non supón ningún beneficio para o territorio, mais ben todo o contrario, o EVE centrouse na xeración de coñecemento, tecnoloxía e, tamén, en cubrir as necesidades básicas que, por omisión do Estado, entendía que eran fundamentais para Euskadi.

E fixo esta actividade creando centros de I+D+i e empresas, semipúblicas ou públicas, tractoras en diferentes subsectores, que nalgún caso vendeu na súa totalidade cando entendeu cumprido o seu obxectivo. Isto significa que ten unha ampla participación accionarial, o que lle permite actuar na política enerxética e o ingreso dos dividendos desa actividade.

Un exemplo práctico foi o caso do gas natural: pola inactividade do Goberno Central en dotar Euskadi deste subministro, o EVE impulsou a creación dunha empresa específica, Naturgas, que desenvolveu a rede vasca e participou activamente na implantación dunha central regasificadora e un ciclo combinado asociado en Ziérbena (Bizkaia). Foi vendida a Enagás por uns 700 M€.

No caso do sector eólico, por dar só uns datos, namentres en Galiza, con 4 GW instalados, case non temos ningunha empresa de construción e/ou investigación, en Euskadi, con 0,15 GW, hai unhas 150.

Agora mesmo o EVE ten en marcha diferentes proxectos piloto na eólica mariña flotante, na enerxía do mar, na fotovoltaica, no hidróxeno verde...

Para termos soberanía enerxética, a autarquía non é para nada útil, son precisos, para nós, tres piares básicos: poder político (políticas públicas), tecnoloxía e recursos. Euskadi ten hoxe o poder político e a tecnoloxía, os recursos iranos usando cando precisen e cando reciban algún incentivo que lles supoña un incremento de valor. Galiza, pola contra, só ten o recurso, explotado as máis das veces por empresas foráneas, moitas delas públicas, que levan o beneficio.

Eis as diferenzas neste ámbito entre Galiza e Euskadi.

Comentarios