Opinión

Electricidade: consumo actual, necesidades e potencialidades futuras

Neste xornal, o compañeiro Adrián Dios propuña un debate racional sobre o sector eólico, facía dúas preguntas: Como país debemos aumentar o número de parques eólicos para exportar electricidade? Non ten máis sentido racionalizar a produción, a respecto das nosas necesidades?

É evidente que o desenvolvemento eólico actual é moi cuestionábel: negocio privado fronte a planificación pública, modelo de expropiación -sen considerar o recurso eólico ligado ao mesmo- fronte a promoción e participación pública, etc.

Pero o debate é imprescindíbel, mais non só no sector eólico senón no conxunto das tecnoloxías; a Transición Enerxética, para descarbonizar, pretende dúas cousas: unha xeración eléctrica só con fontes renovábeis e, ao mesmo tempo, o incremento no uso da electricidade en sectores que hoxe son dependentes de combustíbeis fósiles, en particular, o transporte. Dous obxectivos que, coa tecnoloxía de almacenamento actual, son moi difíciles de cumprir.

Por iso, non debéramos facer o cálculo sobre os consumos actuais, que tamén precisan de actuacións nos excesos, moitos deles das propias administracións públicas. O consumo futuro vaise incrementar si ou si; só a mobilidade eléctrica suporá o seu aumento exponencial, e haberá que darlle resposta con máis xeración eléctrica renovábel.

O problema é quen vai planificar e executar o desenvolvemento de xeración eléctrica que imos precisar

A curto prazo, a paralización das cubas de Alcoa e o funcionamento "a medio gas" doutras electrointensivas, baixarán moito o consumo en Galiza e farán que exportemos máis electricidade; pero, se miramos ao futuro, precisaremos máis xeración.
Por moito que actuemos reducindo o consumo, e supoñendo que a súa minoración sexa aceptada "pacificamente", sobre todo polas rendas máis baixas (as máis penalizadas), o certo é que, o talón de Aquiles das renovábeis, ademais da súa intermitencia, é a falta de tecnoloxías de almacenamento enerxético en grandes cantidades; hoxe só temos a posibilidade de centrais hidroeléctricas de bombeo, baterías en pequena escala e, a medio prazo, o hidróxeno verde.

O problema, para nós, é quen vai planificar e executar o desenvolvemento de xeración eléctrica que imos precisar: deixámolo todo ao sector privado (e público foráneo)?,  dámoslle a ferramenta da expropiación e que "planifiquen" eles os usos e a propiedade dos nosos recursos naturais? ou, como fan noutros países e tamén noutras partes do Estado, é a nosa Administración Pública a que programa e actúa para que Galiza teña un papel importante na nova xeopolítica da enerxía que se está a deseñar?

O acceso á enerxía é un dereito vital para o desenvolvemento humano en todos os seus ámbitos

Para nós é urxente dispor dunha planificación enerxética galega de futuro, cun ente público que a promova e execute, é imprescindíbel a creación dunha Empresa Pública Galega de Enerxía, coas centrais hidroeléctricas con concesión xa vencida como activos iniciais, actor principal nos novos centros produtivos, na instalación de industrias de compoñentes e tecnoloxía ligados ao sector eléctrico, e que facilite unha tarifa máis baixa (como veñen de facer en Francia e Eslovaquia); sen esquecer a necesidade e a oportunidade dun Centro sobre o Almacenamento Enerxético e a Seguridade do Subministro, actuación que o Estado está a impulsar con 70 millóns de euros en Estremadura, que ten a quinta parte da xeración de electricidade de orixe renovábel de Galiza.
E debemos asumir a exportación de electricidade, como calquera outro recurso, mais sempre que o noso país o decida e tire beneficio dela.

O camiño da Transición Enerxética é moi complexo, os obxectivos son necesarios pero de moi difícil cumprimento, ademais nun prazo temporal tan curto, polo que nunca deben quedar en mans de especuladores e empresas alleas. O acceso á enerxía é un dereito vital para o desenvolvemento humano en todos os seus ámbitos, e Galiza precisa doutra relación con este sector, que a compense do impacto e, sobre de todo, a sitúe na posición xeoestratéxica que ten gañado.

Comentarios