Opinión

Dividendo social do CO2

Colectivo de debate enerxético 
Manolo Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco

O instrumento da chamada Transición Enerxética máis coñecido socialmente é o mercado de dereitos de emisión (o prezo do CO2), iniciado en 2005 en aplicación do tamén coñecido slogan “quen contamina, paga”. E non por ser o máis explicado e transparente -cualificacións incompatíbeis con calquera dos ámbitos da transformación-, senón polos seus efectos indirectos na nosa vida diaria, percibidos ou non.

Como consecuencia do seu deseño intencionado, o prezo do CO2 está a subir: hai 5 anos estaba a 7,59 euros a tonelada, hai 1 ano a 26,56 euros, e agora mesmo está no entorno dos 80 euros, prezo que, de seguro, non será o máximo.

Esta importante suba afecta a moitos sectores, como son o eléctrico, as refinerías, fábricas de cemento, siderurxias, cerámicas, aluminio, etc., e cuxas empresas trasladan aos seus produtos e servizos o seu custe, nunha cadea que remata sempre no mesmo punto: encarecemento da electricidade e dos carburantes -tamén por outros motivos-, que afectan á suba do IPC, empobrecendo as clases traballadoras.

Semella que a “axenda progresista” non presta moita atención a estes temas, máis aló de cualificalos como unha “situación puntual”, afirmación que, pola contra, choca coas súas actuacións ou planificacións en materia de impostos e taxas chamadas ambientais, conscientes da necesidade de manter os ingresos (que pasará cos 12.000 millóns de euros anuais do imposto de hidrocarburos nunha futura mobilidade eléctrica, por exemplo).

Segundo a liquidación do orzamento de 2020, o Estado ingresa uns 2.000 millóns de euros ao ano polas poxas dos dereitos de emisión, que se utilizan, case por completo, para financiar os custos do sistema eléctrico, os programas de compensación dos custos indirectos, o fondo de carbono, e para os plans de impulso ao medio ambiente estatais e autonómicos.

O Goberno catalán vén de implantar o imposto sobre as emisións de CO2 dos vehículos de tracción mecánica, que varía entre os 3 e os 276 euros anuais segundo as emisións (gramo por cada quilómetro) de turismos e motocicletas ou furgonetas; a totalidade do recadado destínase, a partes iguais, ao fondo climático e ao fondo do patrimonio natural e a biodiversidade.

A cadea remata sempre no mesmo punto: encarecemento da electricidade e dos carburantes -tamén por outros motivos-, que afectan á suba do IPC, empobrecendo as clases traballadoras

A afectación desigual da aplicación, directa ou indirecta, dos mecanismos anteriores é evidente: as subas na electricidade, nos carburantes, e no IPC non diferencian segundo renda das persoas; o imposto aos vehículos tampouco é progresivo, máis ben todo o contrario, xa que os de maiores emisións están asociados a persoas con menos ingresos e que, ademais, precisan del pola localización da súa vivenda e/ou polas súas condicións laborais. 

Para intentar paliar estas desigualdades algúns Estados aprobaron o que, xenericamente, podemos denominar Dividendo Social do CO2.

No Canadá o 10% dos ingresos de CO2 son para actuacións climáticas e o 90% repártese entre a poboación, cunha discriminación positiva para as zonas rurais en detrimento das urbanas; no caso da Suíza o reparto da renda afecta ao 67% dos ingresos por CO2, mentres que Austria vén de aprobar gravame directo aos carburantes, e un pagamento dun “bono climático” de entre 100 e 200 euros anuais, dependendo do lugar de residencia e da facilidade para usar transporte público. Todas estas axudas concrétanse nun cheque.

E seguro que persoas con coñecementos fiscais sexan quen de criticaren iniciativas tan novidosas, ou mesmo de melloralas e facelas máis progresivas; non está no debate do noso colectivo a especialización fiscal, só expoñemos o que fan noutros Estados.

O que si queremos trasladar é a necesidade de iniciar o debate e propoñer medidas sociais parciais a unha parte básica e esencial da Transición Enerxética, ocultada pola UE e polo Estado: na súa planificación e aplicación actuais, a Transición Enerxética non é gratis, e o seu custo será con cargo ás economías máis débiles, aumentando as xa amplas desigualdades sociais.

Comentarios