Opinión

O consumo de enerxía

Cada vez que o ser humano tivo éxito en incorporar na súa vida unha nova fonte de enerxía, ou en incrementala, o seu benestar aumentou proporcionalmente; a enerxía é o factor principal que fixo posíbel acadar a calidade de vida que algunhas sociedades gozamos actualmente.

Desde que fomos quen de incorporar á nosa actividade diaria de supervivencia un complemento de enerxía externa, ademais de multiplicar por dez a potencia dispoñíbel ao domesticar determinados animais como o cabalo, non temos deixado de inventar enxeños e desenvolver tecnoloxías para satisfacer o noso apetito enerxético, tan insaciábel como pouco eficaz: só aproveitamos o 25% da enerxía que obtemos dos alimentos que inxerimos, o equivalente a 0,8 kWh de enerxía muscular da que o homo sapiens dispoñía para ás súas actividades diarias, o que vén sendo unha lámpada de 100 W acesa oito horas. No 2019, a enerxía final per cápita diaria galega alcanzou os 73 kWh, 91 veces a enerxía muscular dunha persoa normal.

Un recurso que resulta vital para o noso desenvolvemento e benestar debe ser utilizado sempre baixo os principios de aforro e eficiencia; é dicir, lograr empregar a mínima enerxía posíbel no desenvolvemento das nosas actividades, e deixar de usar toda a que non nos achega nada ou case nada. A UE fixa como obxectivo para o período 2020 - 2030 un incremento da eficiencia enerxética dun 19% da enerxía primaria, mentres que a Axencia Internacional da Enerxía (AIE), na súa folla de ruta de cero neto emisións para o 2050, recomenda un 40% para o mesmo período.

Témolo que facer por motivos ambientais, económicos, de redución da nosa dependencia enerxética..., e porque a eficiencia enerxética é un dos piares no que se sustenta a transición enerxética; todo o que se consiga reducir o consumo enerxético implica reducir, proporcionalmente, a necesaria instalación de novos centros de xeración e, no caso das renovábeis, dos seus sistemas de almacenamento e de respaldo aparellados, ademais da minoración nas materias primas necesarias -escasas e monopolizadas- para a súa construción. O aforro tense que producir con independencia do escenario de prezos dos produtos enerxéticos -tan de actualidade agora-, pois sen capacidade  para reducir o consumo, dificilmente se poderá influír na súa relaxación; o aforro por motivos de poder adquisitivo ou de incapacidade económica, non é admisíbel cando falamos dun ben básico.

Para abordar tal desafío, Galiza necesita concretar un programa de aforro e eficiencia enerxética, sistemático e escalábel, con obxectivos concretos para cada período, que desenvolva a normativa axeitada para facilitar as actuacións estruturais necesarias, cun financiamento propio e externo, que fixe os incentivos económicos e fiscais, e poña o acento na mellora da eficiencia no sector residencial, con convocatorias de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, que non queden nun simple reparto pola orde de presentación limitada ás entidades colaboradoras, participantes na súa xestión, e corrixir a discriminación actual derivada do modo de vida e/ou do nivel económico: agora contan con máis opcións as vivendas tipo chalé no caso do autoconsumo e as rendas máis altas no caso dos coches eléctricos; mentres que vivir nun piso ou ter un coche diésel de segunda man para traballar, impide acceder ás axudas, ás que, pola contra, contribúese co pagamento dos impostos, aumentando a brecha da desigualdade.

Mais con todo iso, a eficiencia e o aforro enerxético precisan, tamén, dun cambio profundo nos hábitos de consumo, ou corremos o risco de caer no paradoxo de Jevons, quen afirma que a medida que o perfeccionamento tecnolóxico aumenta a eficiencia coa que se usa un recurso, e é máis posíbel que aumente o seu consumo.

É coñecido que Alemaña, por imperiosa necesidade, quere impoñer por lei o aforro obrigatorio do 10% de enerxía; así que, ou aforramos polo civil ou polo militar, mais sempre será mellor adiantarse aos acontecementos (do inverno?).

Comentarios