Opinión

Colectivo Bidán: Prezo da luz, non toda a culpa é do gas

Colectivo de debate enerxético Manolo Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco

Cando escribimos este artigo coñecemos que o domingo, día 19, será o máximo histórico no prezo da luz, chegando á media diaria de 319 euros/MWh (no 2020, estaba a 44 euros); a culpa é dos máximos nos que están o gas natural e o CO2, e non lles falta a razón a quen isto argumenta, pero isto só non xustifica a especulación dos prezos disparatados da electricidade.

No mercado “marxinalista”, onde as diferentes tecnoloxías de xeración eléctrica cobran o mesmo, en cada hora do día, e o prezo márcao a tecnoloxía máis cara de cada hora, obsérvase como dos 24 prezos do día 19, os ciclos combinados de gas natural só fixan o prezo máximo en 6 horas, mentres que as hidroeléctricas fano en 12, e as renovábeis en 6; é máis, os ciclos combinados non dan prezo na hora máis cara do día, ás 21 h, con 350 euros, o prezo é fixado pola hidroeléctrica e as renovábeis, conxuntamente, en teoría dúas das tecnoloxías máis baratas de xeración eléctrica.

Isto sucede polos eufemisticamente chamados “custes de oportunidade”, no que as tecnoloxías máis baratas ofertan aos prezos das máis caras; iso si, non por casualidade a maioría das empresas que ofertan (oligopolio) son as mesmas.

Como senón pódese explicar que as hidroeléctricas, que segundo datos oficiais, tanto da antiga Comisión “Nacional” de Enerxía (CNE) -hoxe integrada na CNMC- ou de IDAE, consideran que o MWh ten un custe de xeración de entre 3 e 7 euros, poda ofertar no mercado a 350 euros? calculen vostedes a marxe de beneficios; ou no caso da eólica, cun custe estimando sobre os 30 euros, que tamén oferte a 350 euros? fagan tamén o cálculo de beneficios e compáreno con calquera outra actividade produtiva.

Estes prezos tampouco están ligados a altos consumos; o domingo 19 estímase un consumo máximo, ás 21 h, de 28.000 MWh, cando o máximo histórico foi o 17 de decembro de 2007, de 45.450 MWh.

Será a transición enerxética?, actúase no consumo das rendas baixas en base a prezos?

Comentarios