Opinión

Billy el Niño como símbolo

Estes días recibín algunha chamada para saber que sentía sobre o falecemento de Billy el Niño, a verdade é que non sentín nada especial, pasaron máis de 40 anos, pero si que me deu pé para reflexionar sobre aqueles tempos da transición. 

Billy el Niño é un exemplo paradigmático da impunidade. Cantas mortes sen xulgar dese período que case nin se lembran? 

Viñeron a miña memoria os casos de María Luz Nájera (Madrid) e Germán Rodríguez (Iruñea), por acontecer en dúas mobilizacións ás que asistín e, no caso concreto de Germán Rodríguez – Gorin- moi de cerca. 

Pero hai outros moitos asasinatos sen xulgar dese tempo: Os cinco do 3 de marzo en Gazteiz, Montejurra, Joseba Barandiaran, os tres de Almería, Javier Verdejo, Yolanda González, Arturo Ruiz, etc... 

Foi –e segue a ser- moita a impunidade, e senón que lle pregunten a Martín Villa, por iso BIlly el Niño é un máis en todo este proceso, por cruel que fose, que o foi, morreu sen chegar a ser xulgado. 

E isto é o máis significativo, como se moldeou á sociedade para esquecer a historia, baixo a premisa de que debemos mirar para diante, sempre descoñecendo intencionadamente acontecementos relativamente recentes, xa non falemos a de hai séculos, e esta premisa non foi só da dereita española. 

Non houbo ruptura democrática, no canto de xulgar a Fraga Iribarne acabou como Presidente da Xunta, vendeuse unha transición pactada que silenciou moitas cousas, aínda hoxe non se reparou a vil execución de Alexandre Bóveda, nin a dos últimos fusilamentos de Franco, entre eles Humberto Baena. 

Os anos pasan, mais a inxustiza permanece, vaise Billy el Niño coas súas medallas, mantense a Lei Mordaza que tanto criminaliza a loita sindical e social, e senón que lle pregunten á CIG e, aínda hoxe, uns rapaces de Altsasu seguen presos por unha liorta nun bar, en fin, é esa España mesetaria en estado puro. Non, aínda non se pechou totalmente o ciclo da transición, seguemos coa mesma Constitución e a mesma Monarquía. 

Comentarios