Opinión

As "becas" da enerxía

Hai uns meses, cando Ayuso anunciou o seu plan de bolsas para o estudo provocou, loxicamente, un debate sobre cal debería ser o límite de ingresos para ter dereito a elas. Non ten pudor en demostrar, publicamente, que non goberna para a maioría, outra cousa é que lle siga votando, como ao PP na Galiza; pero xa se sabe: "No pecado vai a penitencia".

O normal rexeitamento dende sectores progresistas ás "becas" de Ayuso, contrasta, curiosamente, coa posición dos mesmos sobre das axudas públicas no ámbito da electrificación nos usos sociais; nunca motivaron debate nin se cuestionaron, sempre se asumiron, por entendelas necesarias para o ben social da descarbonización e da loita contra o cambio climático, a omnipresente escusa, escondendo a evidencia de estar deseñadas para persoas duns determinados ingresos.

Se calquera persoa, con independencia da súa renda, quer comprar un coche eléctrico, cun prezo moi lonxe dos medios dos de combustión, pode acollerse ao actual Plan Moves III e recibir unha axuda pública de até 9.000€, outra de até o 80% para a instalación de carga e ter rebaixa nos aparcamentos públicos dalgunhas vilas; ademais, pola Lei de Cambio Climático, as cidades de máis de 50.000 habitantes van definir zonas exclusivas para o uso de coches de baixas emisións.

A realidade é que as persoas que posúen un coche eléctrico para traxectos urbanos adoitan ter outro de combustión para viaxes longas; xa que logo, é un problema de rendas. Todo apunta á penalización das persoas con só un coche de combustión, é dicir, a gran maioría da sociedade, iso si, a de rendas baixas; e xa non falemos en termos territoriais, onde Galiza perde en detrimento das grandes urbes do Estado.

Situación semellante dáse coas axudas para instalación de placas fotovoltaicas, con vantaxe dos chalés, de maior renda -aínda que non se pode xeneralizar-, fronte aos edificios, con limitacións técnicas e legais, cun procedemento non competitivo e  mediación obrigada de entidades. E que dicir da negativa á rebaixa do IVE da bombona de butano ao 5%, cando é o sistema máis utilizado polas rendas baixas.

Todo isto, abertamente, é unha discriminación por capacidade económica. E estamos entrando nunha fase de escaseza e carestía enerxética, non só na electricidade -ollo ao diésel-, que pode ser prolongada no tempo, e que evidencia as desigualdades polo efecto dos altos prezos, facendo que termos aínda imprecisos como "pobreza enerxética" empecen a socializarse.

Neste escenario son necesarias, cando menos, dúas cousas. Débese fuxir dos discursos infantís sobre da enerxía, con consignas que teñen moita predicación nos sectores progresistas e que tanto dano teñen feito, do estilo: "Isto soluciónase só con placas fotovoltaicas nos tellados"; sendo certo que se debe aproveitar ao máximo a súa potencialidade, a realidade demostrada é que non chegan para todas as necesidades. A transición enerxética é moito máis complexa, afecta a moitos ámbitos, tamén nos impostos para substituír aos actuais (como o millonario dos hidrocarburos) con novos que xa se asumen, perigosamente, como "inevitabelmente regresivos".

En segundo lugar, é preciso facer políticas públicas que teñan en conta as rendas persoais, con instrumentos como as deducións no IRPF e os dividendos de carbono ou renda climática. Nada de subvencións xeneralizadas que, sendo a enerxía un factor vital do benestar social, fan sentir excluída unha parte moi significativa da poboación, á que pouco lle vai importar o ben común da descarbonización, e a súa resposta electoral pode sorprender.

O disparate das "becas" de Ayuso cando menos abriu un debate; pola contra, no sector enerxético, nós, o único debate que vemos na esquerda, por que non se pode mirar para outro lado, é sobre o prezo, nada sobre canta enerxía imos precisar, que tecnoloxías, onde se instalan, que papel deben xogar as Administracións Públicas, como impedimos as desigualdades... E, como deben saber, non estamos a falar dun simple sector máis.

Comentarios