Opinión

O Santander sitúa a pequena clientela entre a espada e a parede

Despois da incautación express do Banco Pastor-Popular, o goberno español non habilitou ningún tipo de saída, malia estar contemplada na lexislación europea, para os pequenos accionistas atrapados.  Era responsabilidade do Goberno, xa que ademais houbo claras responsabilidades por parte do Estado, nomeadamente dos supervisores (Banco de España e CNMV). Por se non fose pouco agora miran para outro lado ante a operación posta en marcha polo Santander.

Diversos medios de comunicación fixéronse eco da oferta realizada pola Dirección do Banco Santander aos pequenos accionistas do Banco Popular-Pastor, así coma dos obxectivos comerciais leoninos impostos polo banco ao persoal para que consiga que a clientela trague co “troco”. Nun marco de reestruturación anunciada e dun posible ERE masivo no 2018. Ata o persoal que atende as xanelas de caixa ten obxectivos, ten que conseguir que unha porcentaxe de clientes/as marcada polo banco acepten o troco.

Ata o persoal que atende as xanelas de caixa ten obxectivos, ten que conseguir que unha porcentaxe de clientes/as marcada polo banco acepten o troco

 

Quen xoga en bolsa sabe a que se arrisca, pero a actuación dos supervisores en todo este proceso colocou a pequena clientela nunha situación de clara indefensión. Foi escandalosa a actuación da CNMV e do Banco de España en todo o proceso de fuxida adiante da Dirección do Popular (ampliación ruinosa incluída) e tamén está en entredito a incautación express do Popular. Malia que podía negociar con Europa unha saída para os pequenos aforradores atrapados, saída que podía incluír que fose a UE quen sufragase o custe da operación, nada fixo.  

O PP non arbitrou ningún tipo de saída para esta clientela, permitindo que sexa o Banco Santander o que promova o troco parcial por un produto perpetuo de alto risco. A outra opción para moitos clientes é emprender o camiño xudicial, no que no mellor dos casos (se gañan logo de anos de batalla) poderían recibir unha compensación en base ao valor devaluado das súas acción nos días previos a súa incautación. Ambas opcións son un negocio ruinoso.

Segundo a normativa da CNMV, as accións do Banco Popular/Pastor non eran un produto complexo, pero o novo produto “ofertado” polo Santander si que o é, é de alto risco. Neste senso a súa colocación, previa imposición de obxectivos comerciais ao ameazado cadro de persoal resulta escandalosa, na banca a colocación de produtos á clientela faise de xeito coercitivo.  

A tardanza por parte do Goberno do PP en adaptar unha lexislación nacida para protexer a clientela dos bancos é novamente dolosa

A propia normativa MIFID II da Unión Europea, pendente de traspoñer á normativa española, non permite os obxectivos de vendas de produtos complexos, pero esta non entrará en vigor ata o 2018. A tardanza por parte do Goberno do PP en adaptar unha lexislación nacida para protexer a clientela dos bancos é novamente dolosa. Pero ademais a estratexia do Santander abre unha vía de auga na MIFID II, cando a transposición desta norma aínda está en fase de consulta pública, e falamos dunha norma que prevé que os bancos cobrarán á clientela por “asesorar” (cando na práctica o que farán será colocar produtos complexos). A actuación do banco presidido por Ana Botín abre o camiño, os bancos dirán que asesoran cando queiran cobrar comisións á clientela e dirán que non asesoran cando queiran colocar de xeito agresivo produtos  de alto risco e incluso tóxicos. 

Comentarios