Opinión

Como funciona un banco por dentro

As cada vez máis numerosas sentenzas sobre distintos produtos bancarios céntranse na mala praxe na comercialización. É necesario entender como funcionan os bancos para tratar de buscar unha solución ao regueiro de escándalos.

No modelo de banca actual, as entidades analizan as súas necesidades en cada momento e comercializan produtos á carta co obxectivo exclusivo de cubrilas. A modo de exemplo, ante os xuros de interese negativos do BCE, que tiveron un impacto nas contas de resultados da banca, as entidades tiveron a “necesidade” de trasladar esas rendibilidades negativas á clientela, reforzando de paso as súas contas de resultados. Imposible?

Os bancos resolvérono a través da colocación masiva de fondos de investimento, que arrastran rendibilidades negativas e, aínda así, deixan comisións aos bancos. Millóns de persoas teñen os seus aforros neste tipo de produtos, que non están garantidos polo FGD (Fondo de Garantía de Depósitos). Como conseguiron os bancos que miles de millóns de euros pasasen dos depósitos a fondos de investimento? A través de agresivas políticas comerciais.

Por certo, unha posible suba dos xuros prexudicará aínda máis a clientela con fondos de investimento, pero os bancos (que son á súa vez donos das maiores xestoras de fondos) están dando instrucións para traspasar máis diñeiro da pequena clientela a estes produtos, as xestora cobran unha comisión porcentual sobre os patrimonios dos fondos polo que lles interesa incrementar o patrimonio. A CNMV nin está, nin se lle espera.

O uso do Bigdata, a espionaxe das empresas

A espionaxe á cidadanía por parte dos gobernos provoca escándalos. Pola contra, a espionaxe por parte das empresas considérase normal e fálase abertamente dela. Que é o Bigdata máis que a espionaxe empresarial?

Unha posible suba dos xuros prexudicará aínda máis a clientela con fondos de investimento

E se alguén ten capacidade para espiar ás persoas, eses son os bancos. Teñen innumerábeis datos económicos da súa clientela: coñecen canto gañas, que propiedades tes (a través das hipotecas, domiciliacións de impostos, etc.); se estás afiliado ou afiliada a un partido, sindicato ou calquera asociación; que servizos tes contratados e que gastos fas; cales son os teus hábitos de compra, etc. Cruzando os teus datos, un banco pode saber de ti máis ca ti mesmo/a.

Por iso, comeza a ser habitual nos bancos que teñas que coller vez para ser atendida/o e que debas teclear o teu DNI. Ao persoal do banco sáelle na pantalla se es “rendible” ou non.

Se non o es, verás como o resto da clientela pasa por diante túa e o banco rematará por botarte coa mala atención e cobrándoche cada vez maiores comisións. Hoxe, a marxinación financeira afecta cada día un maior número de persoas con baixos ingresos. Incluso cancelar unha conta pode ser especialmente custoso.

Se o banco analiza que pode quitarche beneficio, ao traballador ou traballadora da entidade sáelle un aviso indicándolle (grazas ao bigdata) que tipo de produtos debe colocarte. Dá igual ao que vaias, o banco sabe o que quere e tentará colocarcho. É se non vas pola oficina sucede o mesmo, chamarate un/unha comercial para ofrecerche o produto.

O modelo de organización de traballo por obxectivos

O banco impón aos traballadores e traballadoras obxectivos crecentes, de colocación de produtos financeiros que a clientela non demanda. Recibe un listado de potenciais clientes para cada produto, fixándolle o número de produtos que debe colocar a través duns obxectivos crecentes.

As políticas comerciais son tremendamente agresivas nun sector en plena reestruturación e con ERE’s en marcha. Os sindicatos denunciamos cada vez máis a presión para conseguir os obxectivos, e incluso se acusa os bancos de acosar e ameazar os cadros de persoal. O certo é que os despedimentos por “baixo rendemento” son cada vez máis habituais, amparados pola lexislación e a xustiza.

As políticas comerciais son tremendamente agresivas nun sector en plena reestruturación e con ERE’s en marcha

Que hai trepas? Coma no resto da sociedade, pero, fundamentalmente, trátase de impoñer culturas empresariais que anulan a vontade dos traballadores/as e de sistemas coercitivos para condicionalos. Estamos ante modelos de organización do traballo e políticas comerciais testadas e probadas. Como é posible que segundo a propia EPA (enquisa de poboación activa) a banca sexa o sector onde se realizan máis horas extraordinarias e os bancos non declaren nin coticen ningunha? Como non hai reclamacións individuais para que se paguen? A política do medo. E quen non defende os seus dereitos, mal pode defender os da clientela.

Vendedores/as, non asesores/as

Se atendemos á propaganda dos bancos, os traballadores e traballadoras destes son “asesores/as persoais”. Nada máis lonxe da realidade: son colocadores/as de produtos financeiros. Hai un claro conflito de intereses, pero a día de hoxe, segundo a lexislación, quen ten a obriga de colocar un produto financeiro é quen debe avaliar se ese produto é válido para a clientela. Incluso a ESMA (autoridade de mercados europea) pretende que o persoal da banca sexan “asesores/as”. Con esta medida os bancos eludirán as súas responsabilidades, incluso patrimoniais, fronte a futuras sentenzas.

Blindar a banca é a consigna. A “cláusula de Guindos” que pretenden incluír na Lei Hipotecaria, tamén ten ese obxectivo. Recoñecendo o consumidor/a que todo lle foi debidamente explicado, elimínase calquera posible futura sentenza desfavorable para os intereses da banca.

En definitiva, así funcionan os bancos, e os escándalos pola malas prácticas comerciais continuarán se non se controlan as agresivas políticas comerciais; se non hai novas normativas para defender a clientela fronte á cobiza dos executivos bancarios; e se non se ten claro que quen ten a obriga de vender produtos financeiros, non é un asesor ou asesora. Pero sobre todo, é preciso repensar o modelo de sistema financeiro europeo, apostando por un modelo no que debe ter un gran peso a banca pública, no noso caso galega.

Comentarios