sábado 16/10/21

Xéneros (II)

É a primeira vez que me sinto na obriga de escribir esta columna sobre un mesmo tema. Fágoo porque non podo pasar por alto que levo unha semana coa fronte engurrada de ler artigos sobre o testemuño que está a revolucionar a sociedade, o dunha Rocío Carrasco sen medo que dispara a última bala contra o seu maltratador. Semellaba imposible, mais moitas persoas foron capaces de ver a esa muller de traxe fucsia, unllas de xel e manicura francesa, cabelo laranxa botado a un lado, rapado polo outro, sentada en W nunha cadeira, frotando as mans e rota por fóra, e non mirala por dentro. Teño que recoñecer que non identifico ese xénero xornalístico con nada humanamente aceptable.

Están as que sinalan a irresponsabilidade de Rocío facendo público algo que debería, din, quedar acordoado no ámbito privado e xudicial. Que que pais imprudentes e peseteiros. Que pobres filla e fillo. Unha reflexión coa que se pode estar de acordo, pero que elimina da operación a opción de que unha poida ser muller e denunciar violencia como muller desde o momento que se converteu en nai. Só ese pequeno detalle. Tamén está a versión da teoría xornalística, a de aquelas que alertan de que os medios están a repetir grandes erros do pasado, sen reparar en todas as expertas en violencia de xénero que pasean estes días polos micrófonos para matizar e corrixir as burradas, reducionismos e casposidades de Kiko Hernández, Pilar Eyre ou Belén Esteban. E, de paso, os de toda a audiencia. Incapaces de preguntarse que lle pasa á xustiza para que unha vítima de violencia machista vaia buscar apoios ao prime time.

comentarios