Opinión

Vultos na area

Alumeada polo último sol da tarde, unha figura resalta no areal, moi preto da beira do océano, custodiada por dúas estacas de madeira. É un montículo pequeno, tan incrustado na area e dunha cor tan crúa que case semella unha duna. Pero é unha persoa. Hai que reparar uns segundos na fotografía para distinguir un bebé de non moitos meses, cun traxiño claro de borlas brancas con forma de flor, tan fácil de confundir coa paisaxe que, de non ser pola luz do solpor e o encadramento da instantánea, de seguro pasaríamos de longo se estivésemos dando un paseo xunto ao mar.

A fotografía, compartida este luns pola organización Proactiva Open Arms, é testemuño do desastre migratorio do mundo, que nin é cousa de hoxe nin exclusivamente de Ceuta e Marrocos. É na praia de Zuwara, en Libia, e forma parte dunha serie de imaxes de criaturas, mozas e mozos, nais e pais, formando vultos na area, cuspidas polo mar e ignoradas polo mundo, nunha metáfora de soños rotos para sempre esquecidos.

En marzo do ano pasado, só uns días antes do estoupido da pandemia, a Organización Internacional para as Migracións contabilizaba máis de 20.000 persoas falecidas no Mediterráneo dende 2014. Dous terzos delas desaparecen para sempre no mar. Unha pregúntase se eses vultos, tan altamente ignorados como imperceptibles, son realmente incluídos nese 2 de cada 3. Cantos chegan a ser vistos nas praias como persoas e cantos teñen nome e historia. Na cegueira colectiva que separa e lexitima as dúas caras do mundo, pregúntome cantas vidas son e serán para sempre simples vultos na area.

Comentarios