luns 18/01/21

Votar mal

É tempo de baixar a cabeza. Non o digo eu, senón a tele, así que para que poñer escusas. En Galicia votamos mal. Dásenos tan mal iso de poñer o papel na urna que aínda non sei como nos atrevemos a espallar a idea de que o Goberno galego pode cambiar a unhas horas dos comicios. Como se non soubésemos que chegará a señoriña de vez da aldea remota coa súa papeleta azul a facer o mal. Votamos mal. E punto. 

Todo o mundo sabe que en Galicia temos maldade e pouca intelixencia. Que somos mansas e cero combativas. As análises sisudas nos medios de Madrid non o dubidan –e alí si saben, porque as galegas nunca sabemos se subimos ou baixamos. Tanto ten o fracaso de Vox se seguimos a dar triunfos ao Partido Popular, aínda sen as súas siglas. Que máis dá que Feijóo enarborase Galicia (Galicia, Galicia) e que a líder da oposición sexa nacionalista. En Verín o BNG duplicou votos e o PP perdeu máis de 1.000 apoios, pero que importa, se non foi suficiente. Que máis dá unha abstención do 41% e un movemento das Mareas dividido en dous, se ao final as que votamos, votamos mal.

É entendible que en Murcia Vox teña 4 escanos pola presenza militar e a inmigración. Comprensible o de Madrid, coa forza do voto do Barrio de Salamanca. E o de Andalucía, polos señoritos. Pero en Galicia non temos perdón de Deus por seguir dando a maioría ao PP. Si, está o de Ana Pontón, mais triplicou escanos por unha elaborada estratexia da UPG. Que si, que o dixeron o domingo na TVG nunha mesa de expertas na que non faltou importación da capital.

Só tres partidos no Hórreo. Que desplante ao pactómetro de Ferreras.

comentarios