Opinión

Volver á hidra

Hai un tempo que o mundo semella menos mundo. Sabémolo dentro de nós e lembramos con nostalxia outro momento, cando nos refuxiabamos das catástrofes da vida nunha masa de xente ociosa e querida, ou na casa, por elección, sen que o de fóra resultase tan hostil e tan incerto. O efecto era balsámico e inmediato, e a cousa podía quedar aí. Sabémolo, e aínda así parece que todo o caos comezou hai pouco cunha agresión verbal e un sopapo nunha gala televisada. Aquel lapote resoou con tanta forza que nos foi empurrando como a pezas de dominó, unhas contra outras, como pasara poucos días antes coa discusión sobre se enviar armas ou non ás xentes de Ucraína. Houbo quen defendeu o xesto e houbo quen o condenou, e esa disparidade provocou, máis unha vez, un campo de batalla de sinalamento, escarnio e chíos citados para emendar a plana; todo iso que moitas veces tamén é violencia, aínda que o fondo da mensaxe sexa condenala.

Nun goteo incesante de chíos, recibimos tantos estímulos por segundo e o noso compás está tan avariado que non logramos perspectiva para xuntar a eme coa a, a irascibilidade e o baleiro, a culpa por enfermar, a guerra que colapsa as arterias do sistema, a decisión dun xurado impopular e o polémico novo disco da fenómena musical mundial, con todo o que está sen facer no noso estado emocional. Opinamos e sentenciamos sen piedade, como se non fosen persoas aquelas das que falamos, unicamente pensando nas que están ao outro lado, listas para pulsar un ou outro botón aprobatorio. Por iso nos indignamos cando non é así, cando nos corrixen, cando critican e cando discrepan, e volvemos ao principio do círculo vicioso da violencia e a acritude.

Chegamos a ese punto da lenda no que hai que vencer a hidra, pero non facemos outra cousa que cortar cabezas. Cantas máis cortamos, máis cabezas medran ateigadas de alento velenoso e dentes afiados. Citamos constantemente a Martin Luther King e ao tempo ignoramos a súa advertencia sobre a violencia que xera máis violencia. A agresión preséntase sempre como a resposta natural cando a intelixencia anda en horas baixas. Mais non hai nada de balsámico na forza bruta. A hidra é o desafío de saber cambiar de estratexia. A hidra caeu cando a sabedoría de Atenea suxeriu cauterizar a orixe do mal. Hai que volver á hidra, aínda que a víscera e o sobreestímulo traten de soterrar os libros e as lendas.

Comentarios