Opinión

Verónica

Ás veces a vida torna nunha película que non remata co peche abrupto dunha claqueta. Acontece cando nos vemos na obriga de manter o sorriso constante e a palabra optimista, aínda que esteamos quebradas por dentro. Convertémonos, de súpeto, en actrices profesionais para evitar que a dor se nos note, mesmo se temos que recorrer á excentricidade. Cando chegamos a iso, o único que desexamos é parar. E que o suicidio sexa para moitas persoas a única forma de facelo é unha mostra do noso fracaso como sociedade.

Verónica Forqué quería parar. Precisaba deixar de ser actriz, dentro e fóra dun plató, as 24 horas do día. Cando anunciou que abandonaba o concurso de telerrealidade no que participaba, recibiu a insistencia como resposta. Ninguén insiste a unha persoa que presenta unha cardiopatía ou calquera outra doenza física que lle impide continuar, pero a saúde mental é outra cousa. A saúde mental non se entende.

Menos aínda nun formato televisivo no que a actriz engrosou os datos de audiencia, cando converteron a unha gran profesional, pero sobre todo a unha persoa fráxil, nunha personaxe da que se podía facer escarnio e mofa.

No seu papel de excéntrica, Forqué berraba para que alguén a rescatase, e de volta recibiu un acoso brutal. Agora semella que todo o mundo o vía vir. Pregúntome cantas persoas hai no mundo neste intre berrando para que alguén as salve, sen que a ninguén lle salten as alarmas.

Cantas persoas de sorriso permanente, como hoxe describen varios medios a Verónica Forqué, van polo mundo co peso mortal da dor e o cansazo. Sen salvavidas.

Comentarios