Opinión

Un xogo

O día que G. cobrou unha beca de 2.000 euros para estudar no estranxeiro, foi con eles ao casino. Gañou 2.000. Tiñamos 17 anos e para todo o instituto, especialmente para os tíos, G. era unha especie de heroe ao que a maior das falcatrúas lle saíra redonda. Para celebralo, voltaron para ver se levantaban outros centos de euros. Pero a sorte non acompaña eternamente.

O día que por fin quedei con P. noteino algo disperso. Chegamos a un bar, pedimos un par de cervexas e, coa bebida na man, excusouse cun “volvo agora”. Cando o vin na máquina comecartos quedei en shock porque ata o momento só vira señores maiores tocando neses aparellos.

Pero a cousa foise normalizando. As tías do grupo comezamos a ir de espectadoras para velos xogar á ruleta. Ás veces deixábannos participar por iso de que “as mulleres dan sorte”. Logo chegaron Sobera, Ronaldo, Neymar ou Piqué coas apostas de póker online e deportivas. Xoga, xoga, xoga. Aposta, aposta, aposta. Sé un home. Fórrate. A testosterona publicitaria como cebo para a ludopatía. E os barrios galegos, tamén perto das zonas escolares, ateigados de casas de apostas.

España ten a taxa máis alta de ludópatas de entre 14 e 21 anos de toda Europa e, aínda que a maioría son homes, 1 de cada 3 ludóptas son mulleres. Malia a súa recente mala prensa, as casas de apostas continúan a copar patrocinios. Por iso hai que celebrar o nacemento de Fóra Casas de Apostas: xente nova e activista que traballa en Galicia pola erradicación total destes centros e a súa publicidade. Porque o xogo non é un xogo e a xustiza, como dicía Rosalía, pola man.

Comentarios