Opinión

Un conto de Nadal

Os telexornais bombardean coa nova desde hai semanas: a centola vai barata este ano. Ana sábeo, e sábeo porque o restaurante no que traballa hai meses que deixou de facer pedidos de marisco e de todo o demais. Mais Ana prefire investir os cartos do ERTE noutro menú máis barato e máis práctico para os seus fillos. O que non baixa é o percebe, e hai quen non o entende. Manuel si. Sábeo desde moito tempo antes de que Francisco, percebeiro de Laxe, falecese o luns mentres faenaba para tratar de gañar o mes de decembro, que é de ouro. Todos os anos pasa isto sen que a información sobre a faena heroica viaxe ao corazón da xente con posibles. El non os ten.

Por non ter, Manuel non ten canda el á súa nai, dependente, que vive nunha residencia en Asturias. Este ano non vai poder xuntala coa súa irmá, que acaba de facer 100 anos. Hai moito tempo que as dúas se comunican vía vídeo precociñado porque Amelia, co problema de audición, non pode seguir unha videochamada. Cando non está o fillo, é Laura, traballadora do centro de maiores, quen lle sostén a Amelia o teléfono móbil. A nonaxenaria non o sabe, pero a súa coidadora ten medo de que o virus volva estenderse polo centro, como en abril. Medo de levar a enfermidade do traballo á cea familiar. Tamén o ten Iria, a médica que visita a residencia case cada semana, rogando cos puños pechados que os tests de falsa seguridade deixen de venderse na privada como caramelos. Este non é un conto de Nadal calquera. Porque non é un conto.

Comentarios