Opinión

Solpores

Na vida dos seres humanos hai unha inercia inexplicable que nos leva a abandonar as cousas que nos fan ben. Se nos despistamos, sempre acabamos deixando que o urxente nos roube o tempo para o importante. Entendamos como importante todo o que unha multinacional millonaria consideraría unha perda de tempo e diñeiro, pero que si lles vale nas campañas publicitarias. Cantos solpores viron na televisión ultimamente e cantos na vida real?

O solpor é un salvavidas para o ser humano e a natureza quixo que a desescalada do virus infame coincidise cunha meteoroloxía óptima, sol, calor e ceos de cores que, se unha se despista, non saberá aproveitar. Aínda ás portas de xuño, vin dúas marabillosas postas de sol na praia, con escasa humanidade pululando e as ondas do mar batendo nas rochas. Sentín a paz que en moito tempo non sentira e sacudín por fin o po do confinamento. Mirei o horizonte e non pensei na morte, senón na vida que continúa e todo o que ten gardado para nós e forma de solpores e amenceres.

Nas cores do solpor imaxinei pintado o ronsel dos avións e convencinme de que ao outro lado do mar, nalgún punto do horizonte, un grupo de investigación estaba a piques de berrar eureka! cunha nova vacina.

Cando vemos o que queda do sol xusto antes de que desapareza na liña do mar comprendemos que todo no universo continúa en orde mentres nós desordenamos as nosas vidas con cousas urxentes. Mais a urxencia sempre debe ser terapéutica. Volvo á casa e vexo un grupo de persoas exaltadas que abanean bandeiras de plástico nunha barullenta procesión de coches. Fáltalles un solpor.

Comentarios