Opinión

Sentir común

Perdemos a conta das horas que pasaron desde que se iniciou a polémica pola campaña publicitaria –fría, arisca, insensible e autoritaria– de Abanca. Horas longas e pesadas que non fan máis que aumentar a indignación social por unha desculpa que non chega, tras emprazar as persoas maiores a deixar de acudir ás oficinas bancarias. Denúnciano numerosas usuarias –e non usuarias–, tamén en forma de resposta a toda publicación do banco nas redes sociais.

Calquera que teña pais, sogras, avoas, sabe que non é o mesmo falar a través dunha pantalla que utilizar unha aplicación no móbil. Que para lograr unha videoconferencia entre netas e avós ten que haber alguén aos mandos da superficie táctil, como mínimo, dunha xeración posterior. Que as peticións de axuda para cargar a tarxeta do bus nun caixeiro están á orde do día. E que, con demasiada frecuencia, as pensións son retiradas en efectivo por medo ao que poida pasar nese universo abstracto e distante dos movementos bancarios. Coa lembranza latente das preferentes e o temor ás comisións.

O peor da campaña de Abanca non é o ton, nin sequera o contido. O peor é o uso dunha pandemia que aterra a xente maior para implementar unha medida que a entidade leva anos tratando de implementar: a inhumanización total e absoluta da banca. Por non falar de xerontofobia galopante e do insulto á intelixencia de todo un país. Nada me gustaría máis que ese ataque de mal gusto contra as persoas que nolo deron todo teña desaparecido cando este texto se publique. Aínda que o dano xa está feito. E ese, e non outro, é o verdadeiro sentir común.

Comentarios