Opinión

Santa Rita

A primeira vez que che contan que as xoierías e inmobiliarias da Coruña baixaban a cancela cada vez que os Franco viñan veranear a Galicia podes pensar que é unha lenda urbana, unha anécdota desas que van de boca en boca e que alguén decide converter en costume. Pero a medida que avanzamos na memoria histórica (pouco, moi pouquiño a pouco) comprobamos que a lenda resulta ser totalmente certa. A devoción de Carmen Polo polas xoias e a decoración a custe cero supuxo un quebradeiro de cabeza para un bo número de negocios, non só en Galicia, mais mentres a sociedade miraba para ela de fondo había moito máis.

O saqueo permitido daqueles tempos escuros nutríase dunha mestura de alegalidade e de medo a recibir unha represalia por poñer paos nas rodas aos caprichos da "Collares", como foi apodada a muller do caudillo vai ti saber por que. Pero a cousa ía moito máis alá da muller do generalísimo. Agora que a xuíza prohíbe aos Franco facer as maletas do Pazo de Meirás antes de ter un inventario dos bens alí retidos sabemos que a afección da familia polo alleo non foi anecdótico, persoal nin puntual. Porque máis alá dos antollos superfluos de Carmen Polo, Meirás agocha un patrimonio que abarca desde dúas estatuas do mesmísimo Pórtico da Groria ata a biblioteca persoal de Emilia Pardo Bazán.

Malia o espolio, a familia do ditador non está disposta a que lle arrebaten o arrebatado. Os Franco son como o abusón da gardería que che quita a merenda e rompe a chorar cando a profesora lla quita a el. "Santa Rita, Rita, lo que se da no se quita". Menos mal que a xuíza non entende de credos.

Comentarios