Opinión

Salvar a vergonza

Unha das cousas que peor levamos as persoas adultas é que as nais e pais nos traten de novo como se fósemos menores baixo a súa tutela. Non só o fan polo institinto de protección, senón tamén para tapar as súas propias equivocacións. “Vasme ensinar ti a facer fillos”, espétannos, negándonos calquera tipo de autoridade moral. Nun contexto de crise sanitaria cuxa fin volvemos ver lonxe, algo parecido é o que vén acontecendo co “papá Estado”.

Dixéronnos que tiñamos que quedar na casa. Todo o mundo o fixo. Todo o mundo, agás excepcións moi contadas. Dixéronnos que a situación era grave, pero non nos deixaron ver xente enferma nos hospitais. Esforzáronse por explicarnos cada detalle da evolución do virus, da desescalada, nun ton de educación primaria que estivo ben de inicio, pero que pouco a pouco se foi convertendo, para as moitas persoas que cumprían punto por punto as normas, nun sermón paternalista. E, de pronto, decidiron que a prioridade era salvar o Nadal. Non o decidiron eles, claro, pero si en segunda instancia e pelexando por dar a cifra máis popular de comensais permitidos nunha mesa.

E chegaron as culpas. Ou o fomento do sentimento de culpa, que é aínda peor. As mesmas persoas que levan toda a pandemia tratándonos como menores de idade, deciden agora responsabilizarnos como adultas. A clase política é tan mediocre que é quen de mudar de discurso para dicirnos que quizais non foi unha boa idea salvar o Nadal. Agora toca salvar a súa vergonza.

Comentarios