sábado 23/01/21

Saber latín

Cando nos centros educativos se eliminou a obrigatoriedade de estudar latín e grego deixáronnos moito máis que coxas en historia. Transformáronnos nunha sorte de orfas da etimoloxía, vulnerables nunha sociedade que precisa máis que nunca que regresemos á raíz das cousas. Se nos clásicos están as bases da civilización, eliminalos non pode ser outra cousa que barbarie. Que é a democracia?, preguntas en calquera faladoiro, máscara en man. Alguén responde que é votar nas eleccións. E é entón cando as palabras demos e kratos esmorecen nalgún recuncho da memoria colectiva que xa adoece dunha avanzada demencia.

As máis de 70.000 persoas confinadas na Mariña non saben, a cinco días das eleccións galegas, como van votar. Si saben, por exemplo, que a mocidade pode facer a selectividade, e que calquera pode transitar pola autovía do Cantábrico alegando que vai cara a Asturias. Aquelas que deron positivo por coronavirus non poderán exercer este domingo o seu dereito a voto, nunha sorte de burla ao sufraxio universal amparada en que a gran maioría da poboación si poderá facelo. A receita da Xunta foron cinco días de confinamento, xusto os que quedan para as urnas. Mentres, a Generalitat valora confinar Lleida polo menos dúas semanas, o tempo recomendado para garantir a efectividade da restrición.

"Non tes medo?", pregunta a panadeira, que sabe que me desprazo por traballo, nunha semana na que o temor volveu enchelo todo. Dígolle que o que me dá máis medo é a utilización política da pandemia. "Bueno, pero iso é outra cousa", responde ela. Alea iacta est. A política sabe latín.

comentarios