Opinión

Retroceder

2018. Os informativos abren falando da marcha e da forza. As mulleres xornalistas non van traballar. Sororidade é a nosa palabra e entra nos dicionarios. 2019. A Real Academia Española escolle "feminizar" como un dos termos que definen o ano. As marchas feministas son o orgullo e o exemplo contra as aberracións de La Manada ou El Chicle. 2020. A nova impacta como unha bomba nos lugares onde nunca hai paz: sabemos que vai ocorrer, mais a inxustiza continúa a ser insoportable. Ás mulleres non nos vai tan ben. Tanto é así que pasamos de protagonizar a revolución do século XXI a ter a culpa dunha pandemia mundial. E o peor de todo é que xa sabiamos que ía pasar.

A estratexia foi tan boa que todos os principais medios de comunicación fixeron referencia a un informe que prevía das concentracións masivas a principios de marzo cunha enorme foto dunha manifestación do 8-M. Feminista. En Madrid. Mais a nova non foi no minuto e resultado da ÚLTIMA HORA agora que a causa vén de ser –provisionalmente– arquivada. Mentres, no Twitter, referentes feministas agrédense verbalmente coa palabra TERF, e sabemos que Sol Gallego-Díaz deixa de ser a directora de El País despois de dous anos de tantas ilusións como paus nas rodas e un adeus do máis elocuente que soa a portazo.

Nun alarde de distracción vírica, o sistema demostra máis unha vez a súa capacidade de facer retroceder os dereitos adquiridos nas vitorias da terra batida do asfalto das avenidas. "Abondará cunha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das mulleres se cuestionen", dicía Simone de Beauvoir.

Comentarios